Mondoñedo 5 de abril de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, ve na Condecoración da Orde Civil de Alfonso X El Sabio, outorgada ao IES Plurilingüe San Rosendo, un merecido recoñecemento á institución pola súa “enorme contribución dende fai máis de 60 anos no eido educativo”, así como unha oportunidade para “potenciar a imaxe de Mondoñedo”.
A rexedora fixo estas declaracións tras asistir esta tarde ao acto de imposición das Condecoracións da Orde Civil de Alfonso X El Sabio, celebrado ás 19:00 horas na sala da Cámara do Auditorio Nacional de Música. Candia amosouse “moi orgullosa” por poder asistir, en representación do Concello e de toda a veciñanza, “ a un acto que destaca a nivel tanto nacional como internacional o potencial educativo da nosa cidade e premia, polo tanto, o importante traballo desenvolvido dende décadas polo persoal que pasou polo centro”.
“É unha honra e unha alegría para min estar hoxe nesta gala”, reitera Candia, quen reafirmou tamén o agradecemento ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte por concederlle ao IES San Rosendo o ingreso na Orden Civil de Alfonso X El Sabio, coa categoría de Placa de Honor. A alcaldesa lembra que “estamos ante uns premios cos que se distinguen a entidades polos méritos contraídos, entre outros eidos, no da Educación, prestando servizos destacados tanto en España como no ámbito internacional”.
Un día importante para Mondoñedo
A popular considera que “estamos nun día moi importante tanto para o centro educativo como para a cidade. O IES San Rosendo ofrece un enorme servizo a toda a provincia a través da formación de xeracións de alumnos e máis á cidade de Mondoñedo ao converterse nun dinamizador da actividade municipal”.
“Esta xornada e con ela este recoñecemento son o froito de anos de traballo moi coidado desenvolvido pola comunidade educativa”, asegurou a rexedora, quen quixo felicitar, de novo, “a todo o cadro educativo tanto o actual como o que ao longo dos anos dende 1954 formou parte da historia deste centro e que cos seus coñecementos e a súa dedicación converteron o instituto de Mondoñedo nun referente no seu ámbito”.
Por último, a alcaldesa de Mondoñedo tamén puxo en valor a “importancia” que esta condecoración ten para a cidade mariñá xa que “é un novo acto que pon a Mondoñedo no mapa e que potenciará a imaxe da nosa localidade, ademais de situala como un referente educativo”. “Dende o Concello continuaremos a traballar na ampliación da oferta educativa para o que sempre trasladamos o noso apoio e a nosa colaboración”, concluíu.