Cervo, 09 de maio de 2017.- A praia do Torno de San Ciprián recibe un ano máis o distintivo da bandeira azul pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.
Ademais, tal e como deu a coñecer no día de hoxe a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), o “Sendero Azul” do Torno tamén contará con esta insignia, por segundo ano consecutivo. Un carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome “e que é un reclamo de primeira orde tamén para o noso Concello”.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou que “esta é unha boa nova para Cervo, que nos conduce a pensar que as cousas se están a facer con criterio dende a área de medio ambiente, xa que cumprimos cuns requisitos loxicamente cada vez máis esixentes á hora de obter un distintivo que é un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.
Ademais Villares destacou que este galardón vén a sumarse á bandeira Ecoplayas, que lle foi outorgada ao Torno por segundo ano consecutivo, e que supón un recoñecemento tamén á boa xestión ambiental.
O rexedor destacou, así mesmo, que un dos obxectivos deste equipo de Goberno é converter Cervo nun referente en materia ambiental, e o camiño que imos percorrendo cremos que pode ser o axeitado.
Sinalou que aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño, en concreto as augas da Caosa, xunto co Torno, teñen unha calificación de excelente.
Ademais dos requisitos imprescindibles para obter a bandeira azul, pretendemos que os veciños e visitantes podar ter información de toda a nosa contorna natural, e para elo tamén temos instalados diversos paneis informativos, adaptados aos tempos “xa que a través dos códigos QR, as persoas interesadas poden acceder, por exemplo, a toda a documentación almacenada no propio blog do “Sendero Azul”, ou informarse tamén a través das diferentes plataformas dixitais que temos en funcionamento, como a propia páxina web do Concello (www.concellodecervo.com) e as distintas redes sociais.