Burela, 12 de maio de 2017-. Membros das asociacións culturais da Mariña que forman parte da plataforma cidadá Queremos Galego presentaron a convocatoria de manifestación do 17 de maio, que congregará miles de persoas mostrando, máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos.
Co lema “en galego sen límites” a plataforma cidadá pretende pór en evidencia os innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade, e a exclusión sistemática do idioma da maioría dos espazos.
A sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade. Isto é o que explica o aumento da demanda de galego en todos os ámbitos. Porén, esta demanda non só non é atendida senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen precisamente ten a obriga legal do contrario, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó.
As promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos importantes retrocesos, son os que ademais provocaron unha reacción social a favor do galego cada vez máis ampla e máis estendida que se visualizará unida, máis unha vez, este 17 de maio. Esta reacción colectiva é a que permitirá reverter o proceso de substitución lingüística é a garantía de futuro do galego que está na forza e na dignidade do pobo galego. Esta forza e dignidade inmensa a de todas as galegas e galegos sen distinción é a que convocamos para este 17 de maio en Compostela. Entre todas e todos podemos mudar a situación e por iso será unha grande manifestación de unidade en torno ao noso idioma.
Facemos un chamado a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas que permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos.
Haberá autobuses desde A Mariña. Prezo: 5 euros adulto. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos: 982581861, 982140654 e 605377317.