Ribadeo, 28 de maio de 2017. Seguen as saídas formativas programadas para este curso por Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Hoxe remata en Austria a estadía de catro mestres, que visitaron varios centros educativos de FP, asociacións e empresas vinculadas ao sector da automoción. Fixérono ao abeiro do programa Conocimiento y Formación para la Empleabilidad.
Apaga está a aproveitar estas viaxes para dar a coñecer os atractivos turísticos do norte de Lugo, dentro do proxecto de internacionalización no que leva meses traballando. Álvaro Doural, o seu presidente, subliña que “estamos a distribuír nestas saídas formativas do profesorado exemplares da guía The North of Lugo, editada por esta asociación e por Faro Norte Comunicación”. Os encantos do norte da provincia de Lugo xa chegaron a países como Francia, Dinamarca, Croacia, República Checa, Portugal, Finlandia, Alemaña e agora Austria. As guías tamén se distribuirán en Estonia, Holanda e Italia, que son as saídas formativas que se desenvolverán durante o mes de xuño, dos días 5 ao 11.