Ribadeo, 12 de xuño de 2017. A Concellaría de Cultura fai unha valoración moi positiva da estrea de Juana o pasado sábado no Cine Teatro de Ribadeo. A performance multidisciplinar está baseada en poemas da poeta uruguaia con raíces na Mariña luguesa Juana de Ibarbourou. Esta aposta poético-musical e de danza de Marina Oural contou cunha nutrida asistencia de público, que agasallou aos intérpretes cunha sonora ovación.
Farruco Graña salientou que “o espectáculo multidisciplinar Juana, inspirado na poeta uruguaia de raíz galega que dá nome á biblioteca de Lourenzá, estreouse o sábado no Cine Teatro de Ribadeo con grande acollida de público que recibiu calurosamente esta proposta de estética e contido artístico ben orixinais”.
O edil nacionalista contou que “a elección de poemas, haikus, canción ou fragmentos de poema foi collendo forma desde a voz da propia Juana de Ibarbourou en audio. Marca así a escritora americana a saída morriñenta por Galiza, e son os poemas dedicados a esta terra os que aportan o principio ou sentido do desenvolvemento desta obra. Distribuídos por escenas, os poemas de Juana de Ibarbourou entretecéronse cos de Marina Oural seguindo a proxección natural do cultivo. A dor, os apoios e as ausencias, as rosas, o val, o amor, o sexo, a rabia, a rebeldía, a luz da bágoa e a risa, os soños, as feridas e a forza de crear palabras desde o ventre, son as emocións que marcaron a elección de textos coa improvisación como exercicio consciente en cada momento”.
Graña dixo que “o equipo artístico que realizou esta performance apostou por compoñer seguindo o instinto e o sentir desde a sinxeleza de comunicar cultivando emocións, e a consciencia de descubrir unha poeta, e así descubrirnos a nós mesmos; e fixérono fuxindo dun estudo exhaustivo da obra, senón que máis ben o que fixeron foi converterse eles nunha ponte entre o espectador e a propia obra ao tempo que a facían protagonista do presente. Sumáronse textos propios da autora laurentina coa intención de dar e recibir espazo escénico onde transmitir a mensaxe de fondo que abriga a obra.
Tratábase de ser quen de construír un común entre artistas de diferentes linguaxes de formas desde os valores que a terra e a danza contact lle transmiten a Marina Oural e que impregnan toda a obra: colaboración e non competición, coidar e ser coidado, o erro como oportunidade de aprendizaxe, o espazo e todo o que nos rodea é importante, dar e recibir nutrindo, caer e erguerse con apoios firmes, todos somos mestres e alumnos á vez, na diferenza radica a fertilidade…”.
A música e a danza en Juana
O concelleiro de Cultura en Ribadeo explicou que “a música de Juana, composta e improvisada, aliméntase de tradicións múltiples: o folklore galego, a música popular latinoamericana, os ritmos africanos que empapan todo o que nos fai bailar, o free jazz, a improvisación libre. A música de aquí que viaxou a outros lugares, e a música que nos chegou desde o outro lado do océano, todo o que escoitamos desde pícaras, entrelazados co espíritu actual e enérxico do free jazz e a improvisación libre, sentidos e vividos. O discurso musical desta obra funciona dentro dun contexto escénico, poético-sonoro, que ten a escoita e a improvisación como base para a interacción cos poemas de Juana de Ibarbourou e Marina Oural, así como coa danza e o movemento de Irene Álvarez Coto. Hai batería, contrabaixo, saxo soprano e percusión miúda: un kechapi (instrumento de corda de Indonesia), unha ocarina, campaniñas, dúas kalimbas e un tubo harmónico. A danza e o movemento en Juana execútanse baixo a dirección escénica de Mónica Cofiño Arena. Pola súa banda a textura visual de Juana constrúese en forma de danza, desde a improvisación a través do sentir no corpo a melodía, sonoridade e contido do texto, música e voz, debuxando así unha plasticidade natural para cada escena. Aparecen movementos baseados en técnicas da danza contemporánea, contact improvisación, danza teatro, yoga, danza, butoh e bailes a dúo desde os tempos das festas e salóns de baile vividos na zona da Mariña desde a crianza ata a adolescencia. Diversos elementos escénicos marcan a pauta en moitas ocasións, así vanse xerando estruturas máis ou menos coreografiadas-fixadas. Sempre queda lugar para a improvisación instantánea na escoita entre todos os integrantes da obra, para deixar lugar constante á frescura do descoñecido”.
Farruco Graña dixo que “foi un pracer para todo o público asistente gozar de tan excelente espectáculo poético-musical. Agardamos seguir apostando por iniciativas deste tipo nas que poidamos ver novas propostas estéticas que ademais teñen como fío fundamental dar a coñecer a Mariña luguesa. Neste caso foi Lourenzá, con colaboracións tamén dun ribadense ilustre como é Xavier Rodríguez Baixeras”.
E engadiu que “entre todos, entre toda A Mariña, seremos quen de darnos a coñecer polo mundo se colaboramos. Ogallá esta performance, Juana, realiza por Marina Oural e un excelente equipo artístico, teña proxección noutros países, nomeadamente no país que deu acollida ao pai de Juana de Ibarbourou, Uruguai”.
Créditos
Marina Oural, (Galicia). Poeta-rapsoda, produtora galega e practicante de DanzaCI, escrebe e dirixe esta obra na forza primeiriza. Irene Álvarez (Asturias-Cádiz) bailarina-coreógrafa e directora do Asturias Contact Festival, mergúllase na Danza facendo arte do vento. Chefa Alonso (Galicia-Madrid) música, mestra e compositora galega asume a dirección musical experimentada e rigorosa da Improvisación Libre. Ramón Peña (Galicia) músico galego do Ortegal trae na batería o ritmo herdado da escena aberta en A Escondida Café-Concerto. Jorge Frías (Madrid) chega co seu contrabaixo de Madrid, para dar e recibir o virtuoso da terra con notas e cores sublimes. Mónica Cofiño (Asturias) espeta firme a dirección escénica e, co paraugas do mundo LaXataLaRifa, dá a súa mestría e brío co ímpeto dos prados. Xavier Rodríguez Baixeras (Galicia), enxerta a revisión dos textos desta obra coa mestría da sabia de poeta e tradutor de sempre. Alberto Casas (Galicia), programa e executa a iluminación desde o azul de Sargadelos.

























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.



