- Lectura dramatizada dun fragmento da peza teatral Eclipses, de Manuel Lourenzo, na Frouseira
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. https://www.facebook.com/reel/4490112317922687
- O pasado martes, 11 de agosto, 20 mozas e mozos de Xove de entre 12 e 15 anos desprazáronse ás instalacións de Urban Planet, en Oleiros
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
- Colisión cun atrapado e un ferido no Vicedo
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
- Máis de 5.000 persoas asistiron o pasado sábado na Praza de España ao Gran Guateque, organizado polo Xacobeo e polo Concello de Ribadeo
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
- San Miguel de Reinante, en Barreiros, encheuse de música, cor e tradición este sábado, 8 de agosto, co XLIII Festival Folclórico Internacional do Emigrante, declarado Festa de Interese Turístico
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu este sábado á celebración do XXXIV Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebra ao longo desta fin de semana
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
- A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado na Escola da Liga Santaballesa de Vilalba na presentación da programación das XVI Xornadas sobre migración indianas e da XVI Feira do Indiano, que se celebrarán o vindeiro 12 de setembro
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.