Viveiro, a 01 de xuño de 2017.. O Grupo Municipal de SON VIVEIRO, a través do seu concelleiro Marcos Besada Álvarez, e de conformidade co disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta para a súa aprobación a seguinte
MOCIÓN PARA QUE A CONTRATACIÓN PÚBLICA DO CONCELLO INCLÚA CRITERIOS SOCIAIS E AMBIENTAIS.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Un dos principais mecanismos cos que conta o Concello de Viveiro para conseguir o benestar da cidadanía é a contratación pública. O peso económico no Orzamento Xeral deste Concello para o concerto de traballos realizados por outras empresas é moi elevado, destacando os gastos no servizo de abastecemento de auga, recollida e tratamento de residuos, alumeado público e axuda no fogar.
A contratación pública é unha ferramenta xurídica ao servizo dos poderes públicos para o cumprimento dos seus fins e valores fundamentais: cohesión social, redistribución da riqueza, igualdade e xustiza. Débese evitar, como viña ocorrendo ata agora, que a maior ponderación do criterio prezo, entre os tidos en conta para adxudicar os contratos, incida negativamente no mercado laboral, destruíndo emprego e empeorando as condicións das traballadoras e traballadores.
Os obxectivos das administracións municipais neste ámbito deben estar dirixidos á consecución dunha contratación pública estratéxica, sustentable e socialmente responsable que teña en conta non só a calidade, eficacia e sustentabilidade ambiental na prestación de servizos públicos e nas compras públicas, senón tamén a necesidade de non incidir negativamente sobre as condicións nas que se desenvolve a prestación laboral ou sobre o propio emprego. A oferta economicamente máis vantaxosa non ten por que identificarse coa do prezo máis baixo.
O marco normativo da contratación pública viuse modificado coa aprobación dunha nova Directiva sobre contratación Pública -Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello de 26 de febreiro de 2014- que incide na aplicación doutros criterios de adxudicación, como os criterios sociais, ambientais, ou de innovación, prioritarios tamén en favor dun crecemento intelixente, sustentable e integrador que persegue a Estratexia Europa 2020, e na que a contratación pública desempeña un papel clave.
De acordo co disposto no Considerando 90 da Directiva, a asignación dos contratos debe basearse en criterios obxectivos que garantan o respecto aos principios de transparencia, non discriminación e igualdade de trato co fin de garantir unha comparación obxectiva do valor relativo dos licitadores que permita determinar, en condicións de competencia efectiva, que oferta é a economicamente máis vantaxosa.
Doutra banda, tal e como recoñece a Directiva Europea sobre contratación pública 24/2014, para contratos de prestacións directas a cidadáns e cidadás no ámbito sanitario ou social resulta necesario un tratamento máis afastado do mercado, dado o carácter estratéxico das necesidades a satisfacer e, por iso, deben ser prestados desde unha estrita perspectiva de calidade.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal de SON VIVEIRO eleva ao Pleno os seguintes acordos:
1. Que nos pregos de contratación que se realicen desde o Concello e as súas empresas dependentes se incorporen cláusulas sociais e ambientais (criterios como a calidade das condicións de emprego, a inserción socio-laboral de colectivos desfavorecidos, a diversidade funcional, políticas de xénero, ambientais e de comercio xusto,…).
2. Naqueles supostos nos que os órganos de contratación utilicen máis dun criterio para a valoración das proposicións e a determinación da oferta máis favorable, deberán incluírse criterios que permitan identificar a oferta que presente a mellor relación calidade-prezo, tales como a categoría, a accesibilidade e as características sociais, ambientais ou innovadoras, entre outros factores, sempre que estean vinculados ao obxecto do contrato e formulados de forma obxectiva con pleno respecto aos principios de igualdade, non discriminación, transparencia e proporcionalidade.
3. As contratas de prestacións directas a cidadáns no ámbito sanitario ou social serán consideradas desde unha estrita esixencia de garantías de calidade do servizo en relación ao obxecto da contrata con criterios tendentes á maior especificidade posible.
4. A entidade contratada presentará no Concello os TC1 e TC2 do persoal adscrito aos servizos, dentro dos dez dias seguintes o da data do contrato, co fin de verificar o cumprimento das obrigas en materia de Seguridade Social. A empresa adxudicataria non poderá utilizar para o desenvolvemento dos seus traballos, persoas non incluídas nos devanditos documentos.
5. Non prorrogar os contratos vixentes, redactando cando expire cada un deles un novo prego que incorpore ditas cláusulas.
O Grupo Municipal de SON VIVEIRO, a través do seu Concelleiro Marcos Besada Álvarez, presenta para a súa inclusión na Orde do día do vindeiro Pleno do Concello de Viveiro a seguinte PREGUNTA:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
No Pleno municipal celebrado o pasado 01 de xuño de 2016 foi aprobada unha moción presentada polo Grupo que represento nos seguintes termos:
“O Pleno da Corporación, por maioría , con doce votos a favor. ACORDA:
Prestar aprobación á moción que presenta Son-Viveiro de efectuar un rebaixamento na marxe esquerda da beirarrúa, fronte ao xa existente na outra marxe e coincidindo aproximadamente co centro do devandito edificio, e proceder a pintar un paso peonil que facilite o acceso ás citadas instalacións cun mínimo de seguridade”.
Na súa intervención a Sra.Alcaldesa afirmaba que consultado cós técnicos e co Xefe da Policía Local consideran factibles proceder ao rebaixamento na marxe esquerda da beirarrúa e un paso peonil que facilite o acceso, polo que o seu Grupo ía votar a favor desta moción.
O Grupo non adscritos tamén votou a favor.
Na actualidade hai un paso pintado na entrada dos locais sindicais e parece que pensan habilitar outro na parte baixa do edificio.
Por todo o exposto, formulamos a seguinte pregunta:
Cal é a razón que motivou estas modificacións, en contra da opinión dos técnicos e do Xefe da Policía Local, incumprindo o acordo plenario adoptado?



















A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 



