Viveiro 10-7-17. Trala celebración da XII edición do Resurrection Fest, o balance do festival de novo dá como resultado todo un éxito sen incidencias relevantes.
Dende o Concello de Viveiro queremos agradecer o traballo realizado por todos os que formaron parte do seu desenvolvemento; á organización, que cada ano se supera no seus logros e que sempre conseguen por parte dos asistentes críticas positivas, darlles as grazas polo traballo realizado durante todo o ano, polo cal o resultado é totalmente satisfactorio.
Agradecer o traballo realizado polos corpos de seguridade (Policía Nacional, Garda Civil, Punto de Mando Avanzado e Policía Local), á Axencia Galega de Emerxencias, Corpo de Bombeiros e Protección Civil; por velar pola seguridade, tendo en conta a situación na que estamos a nivel nacional polos incidentes acaecidos noutros lugares.
Tamén queremos agradecer á brigada de obras e xardíns municipais e ao servizo de limpeza que traballa para o concello o traballo realizado.
Aos veciños/as de Viveiro pola súa amabilidade, respecto e tolerancia. En especial aos veciños de Celeiro por soportar cada día as medidas de seguridade que cada vez son máis exhaustivas, polo ruído e por alterar a súa rutina diaria. Gran parte do éxito é grazas a eles.
Grazas a todos por facer posible que novamente o Resurrection Fest sexa un referente internacional para Viveiro.
A Alcaldesa,
Asdo.: María Loureiro García.