Burela, 4 de outubro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á participación na manifestación que terá lugar este xoves na localidade, en defensa da área sanitaria da Mariña. Llano aproveitou para lembrar que o PP votou en contra desta demanda no pleno ordinario celebrado hai uns días no Concello burelés, e tamén na Mancomunidade na sesión que tivo lugar este luns, e que contou (neste caso) co apoio do PSOE, BNG e Foz Plataforma de Futuro. Para Alfredo Llano é o momento de deixar a un lado aos partidos políticos e defender os intereses dos veciños e veciñas de toda a comarca da Mariña.
O alcalde manifestou: “eu teño que dicir que loxicamente desde sempre defendemos desde o noso grupo, incluso a nivel persoal e particular, a necesidade para a Mariña dun área sanitaria como viña sendo que chegou a acadar un nivel extraordinario e queremos que siga sendo así. É un dereito que durante moito tempo se foi consolidando ata que abarcou a calidade de ser unha sanidade pública universal e para todo o mundo. Iso non se pode perder, é un dereito que levou moito tempo acadar e que agora non queremos perder”.
Alfredo Llano explicou que “este anteproxecto está movéndose para consolidar un modelo sanitario que non interesa para nada que se aplique en ningún lado de Galicia, pero moito menos na comarca da Mariña. Hai que lembrar que aquí cumprimos absolutamente todos os requisitos para ter un área sanitaria propia. Hai que lembrar que somos 85.000 habitantes e temos circunstancias que así o recomendan ademais da poboación, a industria, a pesca, as infraestruturas e unha serie de condicionantes que xa de por si son máis que suficientes para defender un área sanitaria propia”.
O rexedor burelés lembrou que “nosoutros defendémolo no pleno do xoves pasado no noso Concello e os membros do PP votaron en contra. Hai que pensar en defender os dereitos de todos os mariñáns e non as cuestións particulares dos partidos, aquí debemos defender sempre os intereses dos veciños da comarca da Mariña e votaron en contra. O outro día volvín tratar de que fóramos todos solidarios neste aspecto e lembrar que non estamos soamente para os partidos senón que estamos única e exclusivamente para atender as necesidades e os dereitos dos nosos veciños da Mancomunidade. Volvemos votar para estar a favor ou non da área sanitaria propia da Mariña e os populares volveron votar en contra. Votamos a favor da área sanitaria propia da Mariña os alcaldes e representantes dos concellos do BNG e do PSOE, pero tamén houbo unha persoa que está de vocal e é de Foz Plataforma de futuro, que votou a favor da área sanitaria propia da Mariña. Os únicos que están votando en contra da área sanitaria son os membros do PP e penso que están caendo nunha grave irresponsabilidade con respecto a este tema”.
Llano dixo: “temos que mirar sempre o que pode ser mellor para a nosa comarca, e desde logo o mellor agora mesmo é que se bote para fora ese anteproxecto, que se volva recuperar o que tíñamos aquí que era autonomía funcional, sanitaria e organizativa, e iso é o que queremos manter. Despois desde logo a atención primaria que tamén vai ser moi afectada por este anteproxecto. Hai que lembrar que unha das primeiras consecuencias da saúde para que vaia todo funcionando perfectamente son os centros de atención primaria e polo tanto hai que potencialos e non que perdan facultades tanto funcionais como organizativas”.
Para o alcalde de Burela “mañá imos ter unha oportunidade para manifestar o noso parecer con respecto á area sanitaria. Eu invito a todo o mundo a que se pense única e exclusivamente nos dereitos, en que sexa o mellor servizo que poidamos defender para A Mariña, que obedeza a intereses colectivos, que realmente teñamos nivel de atención, que non se perdan dereitos, servizos e unha boa atención sanitaria na nosa comarca. Eu penso que é algo moi serio, que debe reflexionar todo o mundo e estar subidos ao mesmo carro. Invito a todo o mundo a participar, e tamén invito á xente do PP que agora está funcionando máis con intereses de partido que por intereses dos veciños que tamén reflexionen e apoien esta iniciativa de recuperar a área sanitaria propia da Mariña para a nosa comarca”.