Burela, 23 de outubro de 2017. O Concello burelés ven de adxudicar a obra de mellora do alumeado nas pistas de tenis da Marosa. O investimento ascende a 13.000 euros. O edil de Obras e Deportes, Ramiro Fernández Rey, espera que estea rematada a finais deste ano.
O concelleiro burelés explicou que “a proposta da Concellería de Deportes vimos de adxudicar unha obra que nos estaban reclamando reiteradamente desde o club de tenis e pádel da Marosa. É unha obra que vai mellorar substancialmente o alumeado das pistas de tenis”.
O edil socialista manifestou: “a verdade é que agora mesmo o alumeado que había, pese a que xa o tíñamos mellorado, non cumpría coas expectativas deste club para poder practicar alí o deporte pola noite”.
Ramiro Fernández engadiu que “entón decidimos actuar e sacar a licitación a obra de mellora do alumeado destas pistas conforme ás normas que a Federación de Tenis ten para este tipo de instalacións. A obra contaba cun presuposto de 20.078,51 euros, e ao final, despois de sacala a concurso, saíunos en 7.088,51 euros menos do que marcaba a propia licitación porque a oferta económica máis vantaxosa para o Concello de Burela foi a que supoñía 10.735,54 euros máis o IVE que son 2.254,46 euros”.
O concelleiro de Obras dixo: “entendemos que con esta obra imos mellorar moitísimo esa instalación. Vaise poder practicar o deporte do tenis tanto de día como de noite”. E anunciou que “temos pensado tamén en breve sacar a licitación o arranxo do peche desa instalación porque debido ás inclemencias do tempo a verdade é que está bastante deteriorado, e imos intentar tamén ter esa instalación lista e preparada para poder practicar o deporte do tenis que ten moita afección aquí e Burela nunha tempada moi longa”.