A Mariña, 29 de novembro de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña elabora unhas bases para que os clubs e deportistas mariñanos poidan levar o patrocinio da Mancomunidade e dese xeito promocionar turisticamente A Mariña. A iniciativa está pensada para aqueles que realicen a súa actividade fóra de Galicia ou de España.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, dixo que “nos parece que o deporte en si mesmo pode ser un bo distribuidor da propaganda que nosoutros queremos impulsar a través dos equipos, dos atletas ou de xente que practique deporte en varias modalidades. É unha forma de promocionar a Mariña cun patrocinio directo para impulsala como xeodestino turístico”.
Alfredo Llano anunciou que “imos sacar unhas bases para que todo aquel que estea interesado sexa equipo, particular ou unha asociación que poida levar máis alá das fronteiras da nosa autonomía o nome de A Mariña para promoción a nivel nacional ou internacional. Queremos darlle ese impulso. Trátase de que o slogan e a promoción turística chegue máis aló das fronteiras galegas”.
O presidente da Mancomunidade sinalou que “hai atletas que van correr a Alemaña, a Xapón e a diferentes sitios do mundo que poden levar o noso slogan perfectamente, sempre pode ser unha chamada de atención. Hai equipos tamén profesionais ou semiprofesionais que tamén van a moitos lugares de España, de Europa ou a outros países do mundo que tamén sería bo que puidéramos acoplarlles un anuncio da Mancomunidade”.
Llano comentou que “este ano por diversas causas non é moito o volume de cartos que temos, son uns 5.000 euros para distribuír, pero intentaremos da maneira máis xusta atender a algún equipo ou persoa que queira colaborar con nós nesta fórmula de promover e dar a coñecer a Mariña a través do deporte en todos os ámbitos ata onde poidamos chegar”.