Cervo, 29 de novembro de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, xa comezou a impartir os obradoiros de motivación e reforzo das habilidades dos rapaces na Casa da Cultura de San Cibrao.
Os cursos, impartidos por profesionais especializados na materia, están a ter gran acollida entre os mozos, tal e como puideron constatar o rexedor de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Educación, Dolores García Caramés, que compartindo unha sesión con eles.
Tal e como recordaron deseñáronse tres cursos. O programa FORTIUS, que promove competencias persoais, mediante un conxunto integrado de coñecementos, habilidades e actitudes, co fin de fortalecer psicoloxicamente ao rapaz, traballando a prevención de dificultades emocionais, contribuíndo a desenvolver unha personalidade saudable e a fomentar o seu benestar. Vai dirixido a rapaces de entre 8 e 12 anos, e impártese todos os martes de 18:45 a 19:45 horas.
Pola súa banda o taller “PÁRATE E PENSA” está dirixido a mellorar a concentración e a reflexividade, a desenvolver habilidades de autocontrol, incidindo no manexo das emocións; contribuíndo así a reforzar, de xeito indirecto, as relacións sociais e o rendemento académico. Vanse impartir un total de 22 sesións. As 15 primeiras centradas no desenvolvemento da atención e a reflexión; e as seguintes na aplicación de auto instrucións nas situacións interpersoais. Esta dirixido a nenos de entre 6 e 7 anos, e ten lugar cada martes de 17:00 a 18:00 horas.
Son cursos lineais, de formación continua, polo que a inscrición xa está pechada. Pero dado o interese que están a suscitar, o Concello de Cervo ten previsión de programar novas edicións de cara aos vindeiros meses. Os interesados poden informarse no teléfono 982.87.91.16.
Por último, o terceiro obradoiro está adicado ás técnicas de estudo. Nas sesións avalíanse as estratexias de estudo individuais, e ensínanse técnicas para facer resumos, esquemas, traballan as estratexias de comprensión lectora e técnicas mnemotécnicas. O obradoiro está dirixido a rapaces de 1º e 2º da ESO; e impártese os xoves en horario de 19:00 a 20:00 horas. O prazo prazo para anotarse neste obradoiro permanecerá aberto durante todo o curso. As inscricións deben formalizarse na Casa da Cultura de San Cibrao ou no teléfono 982.87.91.16.
O rexedor apuntou que estes obradoiros non foron concibidos como clases particulares de apoio nin moito menos; senón que por medio deles e da man de persoal cualificado “pretendemos brindarlles aos mozos as ferramentas necesarias para contribuír a desenvolver as súas habilidades; algo que, directa ou indirectamente, tamén pode influír na mellora do seu rendemento escolar”.