Burela, 29 de decembro de 2017. Remataron as obras de construción da escaleira que une a rúa do Berbés con Suafonte. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que servirá para facilitar o tránsito de xente por esa zona de xeito rápido e seguro.
O rexedor explicou que “quedou rematada a obra dunha escaleira que se colocou aquí cerca do Concello, nunha zona que une a rúa do Berbés con Suafonte pasando pola rúa do Hórreo. É unha estampa moi bonita de Burela, que se pode contemplar desde o porto. Esta obra fíxose para facilitar o tránsito de xente, para que vaia desde o Berbés a Suafonte, de xeito rápido e seguro”
Llano contou que “se empregaron materiais moi bos con pasamáns a dúas alturas para que as persoas poidan subir e baixar con facilidade. De acordo con Patrimonio colocouse un material nobre, bo, que consideramos que forma parte do conxunto. Queda unha obra guapa e agardamos que sexa de utilidade para toda a xente que queira empregala”.
Feliz Aninovo
O alcalde aproveitou esta xornada para “desexarlles aos veciños e veciñas de Burela que veña un bo ano, cheo de oportunidades e que logremos entre todos un extraordinario nivel de convivencia e moitos logros para Burela. Agardo que todos eles o pasen ben e que os seus desexos se convertan en realidade no ano 2018”.
