Foz, 30 de xaneiro de 2018. A auditoría externa encargada polo Concello de Foz á empresa Eptisa para determinar o custo do servizo de abastecemento e saneamento de augas vén de determinar que o custo total de explotación do ciclo da auga ascende a 986.071,84 euros. A cantidade resulta de sumar os custos do sistema de abastecemento, que ascenden a 335.017,53 euros, e os do sistema de saneamento, que supoñen 343.557,070 euros, representando a contía de persoal a parte máis elevada, ao representar 381.712 euros, isto é practicamente un terzo do custo total do servizo.
A estimación do custo, segundo as explicacións fornecidas pola equipa de goberno do Concello de Foz, está realizada para un escenario de valor máximo do servizo, evidenciando, sen ningún xénero de dúbida, os grandes beneficios obtidos pola concesionaria cos servizos prestados en Foz e as vantaxes que se derivarían para o consumidor da xestión pública da auga. Os beneficios brutos obtidos por Gestagua en 2016 foron de 1.041.399,94 euros, o que representan uns beneficios netos de 65.382,10 euros, porén os resultados de 2017, a consecuencia da actualización de tarifas realizada por vía xudicial, os beneficios brutos chegaron a 1.239.945,56 euros, representando uns beneficios netos 253.927,72 euros. O informe realizado por Eptisa, após a actualización tarifaria de 2016, informa que o número total de abonados é de 10.524 persoas, os ingresos en concepto de abastecemento de 669.211,40 euros, ingresos en concepto de depuración 502.229,04 euros e os ingresos en concepto de alcantarillado 68.494,12 euros.
Os beneficios de Gestagua víronse engordados ao longo destes anos polas supostas débedas que o Concello de Foz abonou á empresa concesionaria, estando pendentes de pago para o presente exercicio a contía de 386.000 euros. As concelleiras nacionalistas Lorena Seivane e Teresa Rego denunciaron que “a débeda en cuestión é resultado da externalización do servizo de depuración a Gestagua, unha decisión que mereceu en 2008 un informe desfavorábel do servizo de intervención, ao prescindirse na súa adxudicación do necesario concurso público, tramitando unha modificación de contrato como unha ampliación do mesmo”.
Lorena Seivane e Teresa Rego criticaron os termos do contrato asinado por Gestagua e o Concello de Foz en 1992, un acordo que impide revisar o prezo que a empresa debe pagar ao concello pola auga que lle subministra, pero que permitiu a Gestagua actualizar os custos da mesma aos usuarios ao longo destes 25 anos. “É un autentico escándalo”, indican as concelleiras nacionalistas, que “Gestagua estea pagando a mesma contía pola auga desde 1992 sen que procedese a ningún tipo de actualización dos prezos, cando menos conforme á suba do IPC, porén, ao longo de todos estes anos procedeuse a subir o prezo a todos os veciños de Foz, ficando blindada esta realidade nunha das cláusulas do contrato asinado en 1992 polo PP e renovado en exercicios seguintes polos gobernos socialistas, nos que se estipulaba que a cantidade abonada pola concesionaria ao concello non podía subir mentres durase a vixencia do contrato”. Segundo sinalan “isto explicaría que os posteriores gobernos de Foz non tivesen a vontade de sacar o servizo a concurso público, procedendo a sucesivas prórrogas”.
As nacionalistas consideran que “non hai motivos para non proceder á municipalización da xestión do servizo de abastecemento de augas, cuestión que temos defendido tradicionalmente desde a nosa organización e que sempre atopou o rexeitamento dos outros grupos da corporación afirmando que a xestión directa redundaría nun prezo máis elevado da auga”. A vista dos dados fornecidos por este informe independente contratado polo grupo de goberno, sinalan Lorena Seivane e Teresa Rego, “a xestión pública permitiría un aforro nas contas municipais de arredor de 250.000 euros, que se podería dedicar a investimento na mellora das infraestruturas ou a rebaixar o recibo dos contribuíntes nunha porcentaxe que podería acadar o 20% anual”.