Mondoñedo 16-2-18. O IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo acolle este luns 19 de febreiro dous obradoiros da terceira edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.
A xornalista Maica García Rodríguez, será a encargada de impartir este primeiro obradoiro na provincia de Lugo. Xunto a ela, outros 8 xornalistas, Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Emilio Gómez, Mónica González Alonso, Sara Martínez, Paula Méndez e Olalla Liñares Garía, impartirán un total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade.
Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, a iniciativa tratarán de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
A semana que vén, Xornalismo na Escola “la Caixa” vai chegar ao alumnado do IES Monelos da Coruña (martes 20), o IES Sanxillao de Lugo (martes 20 e xoves 22), o IES Fernando Esquío de Neda (xoves 22) e o IES de Quiroga (venres 23). Ribeira, Curtis, Monforte ou Maceda son outras das localidades nas que se impartirán os obradoiros nos vindeiros días.
Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.