A Mariña, 6 de marzo 2018. Membros do BNG na comarca presentaron hoxe en Ribadeo unha mais das moitas iniciativas que a organización nacionalista realizou e realiza na defensa do ferrocarril Ferrol – Ribadeo, que neste caso consiste nunha viaxe no noso tren desde Ribadeo (saída ás 11:34h) ata Viveiro, a onde se prevé chegar ás 13h, á mesma hora que o tren procedente de Ferrol no que viaxarán tamén compañeir@s do BNG e o deputado no Parlamento “Mini”Rivas Cruz, e veciñ@s desa cidade e das comarcas De Ferrolterra e Ortegal.
Desde o BNG convidan a participar nesta viaxe reivindcativa e para iso facilitan o tfno 982140654 para poñerse en contacto coa organización, ou ben o correo amarinha@bng.gal
Renfe, Adif, Xunta e Fomento están a facerlle un grave dano ás comarcas de A Mariña, Ortegal e Ferrolterra.
Na viaxe que parte de Ribadeo ás 11:34h, participará tamén a deputada Olalla Rodil, autora de varias iniciativas no Parlamento pola mellora de Feve na comarca, que xunto coa responsable comarcal Ana Ermida acompañará @s mariñás e mariñaos que se despracen ata Viveiro, collendo o tren nos diferentes apeadeiros, para unha vez alí, á 1 da tarde, na estación, e conxuntamente coa xente chegada de Ferrol, e a veciñanza de Viveiro, demostrarlle a Renfe a Renfe, Adif, Xunta e Fomento o dano que nos están a facer co abandono deliberado do Noso Trén.
O PP segue a machacar esta comarca, cebándose no desmantelamento dos servizos públicos e o abandono das infraestruturas.
Nestes términos manifestouse a portavoz comarcal do BNG, Ana Ermida, que recordou as múltiples iniciativas e mobilizacións levadas a cabo pola súa formación e polas veciños e veciñas da Mariña e diferentes colectivos en defensa do ferrocarril Ferrol –Ribadeo, sen que o Ministerio de Fomento fixera caso destas reivindicacións, e ainda por enriba nos últimos anos, diminuindo as consignacións orzamentarias para o noso tren.
O BNG demanda inversión para o noso tren e a súa trasferencia á Xunta de Galiza
“Nós seguimos a demandar inversións para a mellora de Feve, e seguimos demandando a súa transferencia á Xunta, porque este tren ben xestionado vertebraría as comarcas de A Mariña, Ortegal e Ferrolterra actuando tamén de dinamizador económico e facilitando a mobilidade das persoas” afirmou a portavoz nacionalista que incidiu tamén no feito de que as actuacións do goberno do Partido Popular e do Ministerio de Fomento teñen como único obxectivo xustificar a supresión definitiva de Feve, pois nos últimos anos xa se víu como se cancelaban por parte do goberno do Estado inversións de mais de 12 millóns de euros para o mantemento de vías e estacións, suprimíndose mais de 600 servizos e sufrindo @s usuari@s retrasos continuados. E a esto hai que engadirlle tamén, continuou Ana Ermida “o feito de que o transporte de mercadorías, madeira e aluminio, sufríu un importante recorte e mentras vemos tamén desde hai décadas como Feve pasa por dentro dos terreos da factoría de Alcoa en San Cibrao, pero o aluminio hai que transportalo en camión 5km mais arriba, ata Xove, cando ese traballo podía realizarse dentro da propia factoría”