Mondoñedo, 6 de marzo de 2018.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de asinar un protocolo de colaboración coa mercantil Hipólito S.L. para a cesión de terreos destinados ao adecentamento da entrada do Camiño Norte e posta en valor de infraestruturas industriais para o desenvolvemento económico da localidade. En concreto, co fin de impulsar actividades económicas en Mondoñedo, vai dispoñer de catro naves para alugar.
O Goberno local amosou o seu interese na consecución dos terreos propiedade da mercantil Hipólito S.L. co fin de acondicionalos para mellorar a entrada do Camiño Norte na cidade. A empresa accedeu a esta proposta do Concello sempre que non se prexudique a situación urbanística das parcelas da súa propiedade.
O prazo desta cesión será ata o 31 de decembro de 2022 podendo prorrogarse despois por acordo das partes. Hipólito S.L. cede ao Concello os terreos que figuran como ‘cesión de terreos para urbanizar’ duns 1.977 metros cadrados para viario público e concédelle unha carencia de renda ata o 31 de decembro de 2018.
4 naves a disposición do Concello
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, solicitoulle ademais a Hipólito S.L. a posta a disposición das catro naves construídas da súa propiedade nos terreos obxecto do convenio coa finalidade do seu arrendamento aos terceiros designados polo Concello.
O Concello de Mondoñedo limita a súa actuación a facer de intermediario na busca de futuros arrendatarios das naves, sen que, en ningún momento, poida ser responsable dos danos ou desperfectos ocasionados ou do impago das rendas por parte dos arrendatarios.
O protocolo de colaboración fai referencia ás naves número 4, 5, 6 e 7 situadas na estrada A Lorenzana s/n (Barrio San Lázaro) con uhnas superficies aproximadas de 315,90 m2, 308,10 m2, 308,10 m2 e 315,90 m2 respectivamente.
O prezo do arrendamento é de 1.600 euros ao mes (400 €/mes cada nave) para o primeiro ano de renda, de 2.000 €/mes para o segundo ano de renda, e de 2.600 €/mes para o terceiro e cuarto ano de renda.