Burela 8-5-18. O día 21 de Marzo, deu comezo a primavera, pero este ano celebrámolo moito máis tarde, debido ó mal tempo. Así que este xoves gozaremos dunha xornada festiva para dar a benvida a tal estación ,onde a integración na comunidade, a música, o baile e a unión serán os ingredientes fundamentais escollidos para a ocasión.
Así, este xoves, día 10 de Maio, un total de 64 persoas daremos a benvida á primavera, con unha festa onde tentaremos retroceder ós anos sesenta, querendo plasmar a importancia do medio ambiente que recollía o movimento hippy.
Algo que xa están preparando con gran entusiasmo os nosos usuarios no Photocall elaborado para a xornada
O programa conta ademáis con unha excursión á fábrica de Sargadelos , prevista para as 11:30. Alí teremos a oportunidade de ver o proceso de creación das marabillosas obras de arte que se crean na nosa contorna, un feito que ten emocionado a todo o noso colectivo .
Dende alí trasladarémonos ao Hotel Nordés onde disfrutaremos todos xuntos dunha comida prevista para as 13:30 e despois daremos paso á música , ao baile e ás sorpresas planificadas para a ocasión.
Espero que esta xornada tan amena e integradora cumpla as expectativas de tódolos participantes, usuarios tanto dos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo así como da Unidade Residencial de Cervo.
Dende A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” loitamos pola mellora da calidade de vida de todos os nosos usuarios e con estas actividades a integración na comunidade cada vez é máis unha realidade.
Asdo. María José Nóvoa Rodriguez
(Directora Técnica Xeral de “A Mariña”)