Cervo, 8 de maio de 2018.- O Concello de Cervo convocou a todos os apicultores do municipio para seguir a traballar conxuntamente co obxectivo de minimizar o impacto da vespa velutina.
Deste xeito, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez e o de Medio Rural, Plácido Pérez, mantiveron esta tarde un encontro con todos e todas no Salón de Plenos do consistorio, no que puxeron en común a situación actual das súas colmeas e a enorme incidencia desta especie invasora na tempada pasada.
Villares sinalou que “a nosa intención non é outra que a de seguir de preto e traballar man a man cos apicultores para afrontar esta problemática, tal e como levamos facendo desde o ano 2013 cando tivemos coñecemento da presenza da velutina no noso termo municipal; poñendo todas as ferramentas que temos á nosa disposición para tentar mermar a poboación desta especie invasora e protexer o traballo dos nosos apicultores e tamén das abellas; tanto coa retirada e neutralización de niños en canto temos coñecemento da súa existencia, como coa campaña de entrega de atraíntes de balde, que comezamos o ano pasado e que, tal e como nos trasladaron, está a ter a súa eficacia”.
No día de hoxe repartíronse de xeito equitativo e en función do número de colmeas, 200 botes entre a trintena de persoas apicultoras que hai no Concello de Cervo; o que supón un custe que rolda os 2000 euros.
Cada envase garante o mantemento da trampa durante un período de dous meses nos que seguiremos de preto a evolución das colmeas e estaremos moi pendentes da aparición de novos niños de velutina.
Os apicultores teñen á súa disposición un teléfono de contacto para traballar de xeito coordinado, por medio do que nos comunican a presenza de novos niños que poidan detectar; para así, desde o Concello, proceder a eliminalos canto antes.
O obxectivo, sinalou “é seguir estando, tal como vimos facendo desde que temos constancia da presenza desta especie invasora no noso Concello, ao carón dos nosos apicultores, e tentar protexer, na medida das nosas posibilidades, o seu traballo e o das súas abellas”.
