Burela, a 15 de xuño de 2018. A CIG considera que non será posíbel recuperar os dereitos mentres non se derroguen as reformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións. Por iso chama á mobilización o vindeiro martes, 19 de xuño, para presionar o Goberno e as forzas que o fixeron posíbel a cambiar as políticas que provocaron a precarización e o empobrecemento da clase traballadora .
Para ese día, 19 de xuño, a CIG ten convocada unha xornada nacional de mobilizacións nas sete cidades e as principais localidades do país, baixo o lema “Xa é hora de recuperar os nosos dereitos”.
•En Burela, haberá manifestación ás 20 horas, dende o local da CIG (Avda. Arcadio Pardiñas)
Para a CIG, as afirmacións realizadas esta semana pola ministra de Traballo a respecto de que o Goberno non se formula derrogar a reforma laboral, confirman que só a través da mobilización lograremos recuperar e avanzar nos nosos dereitos. A central sindical defende que non valen escusas e que de igual xeito que houbo unha concertación de forzas políticas para dar fin ao Goberno do PP, ten que darse coa mesma urxencia unha correlación que nos próximos meses faga posíbel a recuperación dos dereitos roubados baixo a escusa da crise.
Neste senso, a CIG considera que o cambio de Goberno ten que levar aparellado tamén un cambio das políticas, pois, doutra maneira, a moción será unha fraude. Por iso exixe do Goberno un calendario para a derrogación inmediata de todas esas reformas que saquean e rouban á clase traballadora.
Esta mesma semana, a central sindical remitiu un escrito dirixido á ministra de Traballo solicitándolle unha reunión para trasladar as propostas da CIG en materia laboral e social para a nova lexislatura e que, entre outras cuestións, pasan pola derregación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións; acadar avances reais nos dereitos das mulleres; frear as medidas de recortes ás persoas desempregadas; reverter o retroceso nas liberdades fundamentais; ou acabar coa privatización e desmantelamento dos servizos públicos.