Foz, 2 de xullo de 2018. A Policía Local de Foz fixo durante este pasado fin de semana controis de velocidade de vehículos no núcleo urbano. Impuxéronse máis de 250 sancións polo que o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, amósase abraiado negativamente “pola falta de implicación de moitos condutores”. O rexedor avisa que, ante esta situación, terán que seguir con estes controis durante todo o verán para tentar evitar que se produzan accidentes.
Javier Castiñeira explica que “a Policía Local de Foz durante este fin de semana pasado, concretamente o sábado e o domingo, fixo varios controis de velocidade no núcleo urbano. Estamos totalmente abraiados de forma negativa pola falta de implicación de condutores neste senso. Foron máis de 250 sancións as que se tramitaron no fin de semana pasado”.
O rexedor engade que “nalgún sitio como a avenida da Mariña, que é unha rúa na que teñen preferencia os peóns e está suficientemente sinalizada, foron casos bastante graves, o que nos leva a seguir con estas campañas. Imos estar durante todo o verán facendo campañas de control, non só na avenida da Mariña senón en todo o núcleo urbano, porque neste municipio duplícase a poboación, e na vila triplícase, o que incrementa a posibilidade de atropelos nunhas circunstancias deste tipo, e o Concello non pode asumir eses riscos”.
Para o alcalde “a única forma é facer controis e anuncialos publicamente. Esta campaña é planificada por Policía Local para avisar aos condutores de que imos ter durante todo o verán este sistema, para que tomen moitas máis precaucións e, sobre todo, que teñan en conta que están nun núcleo urbano con moitísima xente e que é inasumible poder ter un atropelo”.
Castiñeira subliña que “poderíamos estar a día de hoxe falando de males maiores, poderíamos estar falando de por que non se puido evitar un atropelo neste pasado fin de semana. E desde logo que calquera crítica ou debate que iso poida abrir sobre afán recadatorio non ten ningún senso porque está mirando pola seguridade viaria dos nosos peóns”.
O rexedor adianta que “o mesmo imos facer noutros aspectos como é o aparcamento. Cremos que en Foz hai suficientes aparcamentos para poder respectar as zonas que son prioritarias para os peóns. Seguiremos nesta liña de control rigoroso do comportamento cívico, tanto de condutores como de peóns, porque tamén hai condutas negativas por parte dos peóns. Informamos que durante todo este verán vai haber estas campañas e que vai haber rigorosidade e cero permisividade neste senso”.