Mañón 17-7-18. Nordés, a asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora segue a organizar actividades para cumprir cos seus obxectivos, entre os que se atopan o de dar a coñecer o patrimonio artístico, arqueolóxico e histórico dos concellos da bisbarra.
No Concello de Mañón aínda quedan tesouros dos que falar e segredos que achar. Un deles é a arte que se agocha nas súas parroquias, expresións que configuran un patrimonio que debemos protexer e divulgar. Por iso, o sábado 21 de xullo, Nordés ofrece un roteiro, dende Bares ata as Grañas do Sor, guiado por expertos e coñecedores do seu que achega os puntos máis significativos da arte sacra da zona ao saber común. E que tamén tira dun fío común: a importancia dunhas boas prácticas e actuacións sobre o noso patrimonio.
Da man de Bernardo Penabade (filólogo), Clotilde Lemoine (Graduada en Conservación e Restauración pola UPV), F. Javier Martínez (Arcipreste do Ortegal e párroco de Santa María de Ortigueira), Cristóbal Rivas (párroco do Concello de Mañón e do Vicedo) e veciñas e veciños achegarémonos, primeiro, á parroquia de Santa María de Vares (10.00h.). Alí, falarannos da intervención sobre o retablo do século XV presente na igrexa. Dende alí, cara as 11.30h., a seguinte parada é Santa María de Mañón onde contemplaremos exemplos da pintura mural galega dos século XV-XVI e onde o visitante será testemuña do preciso que é preservar exemplos únicos en Galicia.
Para acabar, cara as 13.00h., remataremos o roteiro na parroquia das Grañas do Sor, onde se levou a cabo unha restauración da igrexa e dos seus arredores propulsada polas veciñas e polos veciños do lugar.
O punto de quedada para o inicio do roteiro en coches é ás 09:30h. no Restaurante “A Goleta”, no Barqueiro (Concello de Mañón). Dende este lugar, iniciaremos a marcha en coches. Se o preferides tamén podedes agardar, no horario que está marcado no cartel, en calquera punto do roteiro.
Para acabar a mañá, e por si vos interesa intercambiar impresións da xornada, cara as 14:30h. xantaremos en “Casa Urbano” (Mañón). As prazas son limitadas e é preciso reservar e confirmar no teléfono 653756454 ou no e-mail asociacion.nordes@gmail.com. O prezo é de 15€ para socias e socios e de 18€ para non soci@s.