O Valadouro 25-8-18. Durante case tres horas, un numeroso público encheu o local veciñal da parroquia da Laxe para asistir á cita literaria deste verán; encontro no que leron as súas creacións: Adela Figueroa (poeta luguesa), Iolanda Aldrei (poeta compostelá con vínculos na Mariña), Isaac Ferreira (ensaísta e investigador do Valadouro), Lionel Rexes (novelista alfocés), Luz Fandiño (escritora e activista compostelá), Manuel Lourenzo (dramaturgo valadourés), Manolo Regal (escritor abadinense), Margarita Bermúdez e Xulio R. Leiras (activistas culturais), Paco Rivas (poeta focego), Pepe Peinó novelista e dramaturgo de Alfoz que participou a través dunha gravación), Xesús Pisón (dramaturgo valadourés).
A voz da autora cubana con raíces no Valadouro, Rita Geada, escoitouse a través dunha parente que leu varios poemas seus.
Entre o público encontrábase Fernanda Cedrón Trigo, neta do histórico guerrilleiro republicano Luís Trigo “O Gardarríos”, quen ilustrou os presentes sobre os títulos máis representativos sobre o fenómeno da guerrilla antifranquista.
Boa proba da masiva afluencia foi o número de libros depositados (máis de 70) na mesa disposta para o intercambio e doazón de volumes.
Mención especial merece a participación de Luz Fandiño, poeta de 87 anos que continúa a escribir e a formar parte de colectivos sociais.
As súas intervencións no coloquio posterior ás lecturas, xiraron en torno ao feminismo e as formas de loita dos pobos fronte aos abusos do poder.