Burela 26-8-18. O vindeiro domingo, 2 de setembro, terá lugar na Serra do Xistral a I Andaina Solidaria “Cumios do Xistral” organizada polo Toxiza Clube de Montaña a favor da Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras enfermidades Neurodexenerativas de Burela.
Estas dúas asociacións pretenden unir as súas forzas para que natureza, deporte e solidaridade vaian da man. Un dos seus principais obxectivos é o de dar visibilidade, no mes no que se conmemora o Día Mundial do Alzheimer, a unha enfermidade que afecta xa no noso país a máis de un millón de persoas e as súas familias. Así mesmo, dende o Toxiza Clube de Montaña tamén pretenden poñer en valor a Serra do Xistral e as súas fermosas paisaxes naturais posto que seguen a ser as grandes descoñecidas da comarca. Para logralo, tanto a andaina como os demáis eventos programados para ese día discorrerán polos seus montes, espazos protexidos pola Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), chegando a varios dos seus cumios máis importantes.
Os participantes sairán da parroquia de O Cadramón (Concello de O Valadouro) e percorrerán a metade do traxecto circular pola mesma, pasando a continuación polo Concello de Muras ata o cumio que lle da nome á ruta: O Xistral (1032m). En canto ao Trail, será de carácter non competitivo e pasará polos montes de O Valadouro, Abadín e Alfoz.
Todas aquelas persoas que desexen colaborar poderán facelo a través da plataforma online de “Galitiming” (http://andainaxistral.galitiming.com) ata o xoves 30 de Agosto, onde atoparán varias opcións de inscricións:
Andaina circular de 14km: para os acostumados a camiñar por montaña.
Trail de 18km: para os que lles guste correr.
Andaina Cativa: ruta de 3km pensada para os máis pequenos.
Festa Merenda na Capela de Santa Filomena: para todos aqueles que desexen acudir para celebrar a fin do evento.
Dorsal 0: para persoas que non podan asistir e queiran colaborar cunha doazón económica.
AFAN Burela e Toxiza Clube de Montaña queren facer público o seu agradecemento ao Concello de O Valadouro, Concello de Burela, Concello de Muras, ABSA, Tapizval, Ouropuro e Cervexa Augas Santas pola súa colaboración e patrocinio do evento.