Ribadeo, 5 de setembro de 2018. A Deputación de Ourense, coa actuación da Real Banda de Gaitas este sábado, e a Xunta de Galicia colaboran coa organización das festas patronais de Ribadeo grazas ás xestións do Partido Popular local.
O portavoz do PP ribadense, Jesús López Penabad, anunciou hoxe que “o vindeiro sábado, o día da patroa, ás once da mañá contaremos coa actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense. Hai que dar as grazas desde aquí á Deputación de Ourense pola súa colaboración coa comisión das festas patronais de Ribadeo. Ademais disto a Xunta de Galicia financia cartelería, trípticos, as guías que se dan nos concertos dos festexos ribadenses e tamén, tanto no San Roque como na Patroa, os pasarrúas dos grupos de gaitas”.
Jesús López Penabad engadiu que “o programa desta actuación darao a propia comisión organizadora das festas, pero haberá un concerto da Real Banda de Gaitas o sábado ás once da mañá, o día da patroa, previo á misa das doce. Reitero as grazas á Deputación de Ourense por colaborar e axudar a que as festas de Ribadeo sexan un referente, bonitas e vistosas para todos”.