Cervo, 7 de setembro de 2018.- A Escola Infantil Municipal do Concello de Cervo iniciou esta semana o curso con 30 matriculacións (6 pequenos e pequenas de 0 a 1 ano, 8 de 1 a 2 e 16 de 2 a 3 anos).
O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, estiveron compartindo un anaco este mediodía cos nenos e nenas e co persoal docente do centro no que traballan, en horario de mañá e tarde, 8 educadores e educadoras e 3 becarias FEUGA, froito do convenio que mantén o Concello de Cervo coa Universidade.
O rexedor recordou que a comezos deste ano puidemos materializar un proxecto moi importante como foi a construción dunha nova aula, con baño infantil integrado, de 30 m2, emprazada onde estaban os aseos; “coa que logramos incrementar a capacidade do centro en 15 prazas, o que nos permite dar cobertura ao cento por cento ás demandas das familias, e lograr que ningún pequeno ou pequena quede sen a súa praza nesta instalación municipal que non ten lista de espera”.
A obra de ampliación contou cun orzamento de 33.493 euros, todos eles procedentes de fondos municipais;
Pola súa banda, Caramés anunciou que “logo de diversas reunións co cadro de persoal, e grazas ao esforzo de todos e de todas, podemos confirmar que este curso a Escola Infantil estará aberta todos os meses do ano, incluso en agosto, mes no que o centro permanecía ata este momento pechado por descanso de persoal”
Con esta ampliación “pretendemos dar un paso máis á hora de contribuír á conciliación da vida laboral e familiar das familias do noso municipio”, engadiu a edila.
A matrícula da Escola Infantil permanece aberta durante todo o curso ata completar o número de prazas e xa hai varias familias que amosaron o seu interese en inscribir ao seu pequeno ou pequena; de feito é a primeira vez que se inicia o curso, por exemplo con tantos nenos e nenas na franxa de 0 a 1 ano.