Burela 19-9-18. Con motivo do Día Mundial do Alzheimer, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras enfermidades Neurodexenerativas de Burela (AFAN Burela) está a realizar durante este mes de setembro diversas actividades co fin de achegar á sociedade esta doenza que se estima que afecta en Galicia a unhas 100.000 persoas.
Esta asociación comezou o mes celebrando a súa I Andaina Solidaria polos Cumios do Xistral onde recibiron o apoio de máis de 300 persoas. Logo, a través da súa páxina de Facebook, tamén se uniron á campaña que a Federación Alzheimer Galicia está a levar a cabo nas redes sociais baixo o lema “Ela non se acordará, e ti?” tratando así de facer máis visibles aqueles aspectos que consideran que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer para mellorar a calidade de vida das persoas cunha demencia e da súa familia.
Os actos centrais da asociación terán lugar o venres 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer. Ese día, AFAN Burela estará presente no Centro de Saúde da localidade burelesa e na Casa do Mar (a carón da súa Unidade de Respiro Familiar) con dúas mesas informativas onde dará a coñecer a súa labor e proporcionará información sobre estas doenzas e a súa problemática.
Finalmente, a asociación impartirá no mes de outubro un curso formativo totalmente gratuito dirixido a familiares coidadores de persoas con Alzheimer.
