Ribadeo, 4 de setembro de 2018. A xunta de goberno do Concello de Ribadeo ven de outorgar licenza para a demolición e posterior rexeneración dos terreos que ocupaba a antiga fábrica de Kraft, a carón do río Grande. O alcalde, Fernando Suárez, subliña a perseveranza do Concello e a boa actitude dos propietarios.
O rexedor declarou que “foron varios anos de tramitación, unha situación administrativa moi complexa, polo espazo medioambiental sensible onde está ubicado, pero finalmente pola perseveranza do Concello, a propiedade actuou correctamente e como se esperaba, a verdade é que queremos valorar positivamente a súa actitude”.
Suárez Barcia dixo que “iniciamos a tramitación para a eliminación desa importante factoría, que foi no seu día, pero que a día de hoxe e desde hai moitos anos non é máis que unha ruína, un perigo e un atentado á paisaxe”.
O alcalde manifestou que “esta vella factoría de Kraft, ao non poder ser utilizada nunca máis, non tiña máis destino que a súa demolición e a rexeneración absoluta dese entorno sensible e natural, á beira do río Grande e xusto na desembocadura da ría de Ribadeo, nunha zona de especial protección ambiental”.
O rexedor subliñou que “na xunta de goberno do Concello de Ribadeo hai uns días que outorgamos a licenza para a demolición destas naves e a súa posterior rexeneración. Entendemos pois que nos vindeiros meses todo este traballo vai dar resultado, e esa zona volverá ser un sitio marabillosos, como sempre foi”.
