Lugo, 22 de novembro de 2018.- A Subdelegación do Goberno súmase aos actos conmemorativos do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller e desde esta mañá está colgado no balcón da fachada principal da súa sede un lazo morado. Ademais, o vindeiro domingo, día 25 a fachada da subdelegación do Goberno iluminarase da cor que simboliza a loita contra a violencia de xénero. Con estas dúas accións trátase de darlle a máxima visibilidade á loita contra a violencia de xénero.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, lembrou que o Executivo dá unha prioridade máxima á loita contra a violencia de xénero e manifestou que “no Goberno pensamos que ninguén debe permanecer indiferente diante da violencia contra as mulleres, contra todas as mulleres, porque éste é un fenómeno que podemos sofrir calquera, porque o machismo non distingue idades, extracción social nin nivel de formación”. Rodríguez, fixo estas reflexións no acto de entrega de premios do V Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero concedidos pola USC a Antía Vázquez Rodríugez e Tamara González Luaces, que tivo lugar esta mañá na Casa do Saber.
BURELA E PREMIOS MENINAS
A subdelegada do Goberno participará mañá en varios actos contra a violencia machista. Pola mañá acompañará ao alcalde de Burela, Alfredo Llano, nos actos organizados polo Concello con motivo do 25N e pola tarde Isabel Rodríguez tomará parte na entrega dos premios Meninas instituídos pola Delegación do Goberno en Galicia para recoñecer o traballo de entidades e persoas especialmente comprometidas na loita contra a violencia de xénero e na protección das vítimas.
Entre as entidades distinguidas cos premios Meninas figuran dúas de Lugo, a asociación Sí, hai saída, a quen se entregará un dos premios Meninas
e o Equipo de Muller e Menor da Comandancia da Garda Civil de Lugo, que recibirá unha mención honorífica.
“Sí, hai saída” foi galardoada en recoñecemento ao seu traballo na loita, participación e reivindicación social das mulleres promovendo a igualdade real e efectiva. Esta asociación, creada por mulleres vítimas de violencia de xénero, ofrece asesoramento xurídico de balde, acompañamento ás vítimas, ademais de organizar charlas e xornadas.
O Equipo de Muller e Menor da Comandancia da Garda Civil de Lugo foi distinguido en recoñecemento á súa profesionalidade, dedicación ás vítimas e o seu esforzo na aplicación da Lei Orgánica contra a violencia de xénero. O EMUME da Garda Civil de Lugo foi creado en 1995, desenvolve o seu traballo a nivel comarcal e ten na actualidade 207 casos activos de violencia de xénero na provincia.