Viveiro 4-11-18. Medio ano despois da finalización da folga máis lonxeva da nosa Historia o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro quedou excluído dos plans de actuación da Xunta de Galicia tras a activación do Goberno autonómico dun suposto “Plan de actuación para a recuperación do traballo” nos xulgados e tribunais galegos.
A pesar do tempo transcurrido sen aplicar os acordos que alcanzou cunha minoría de sindicatos, o Plan que nos presenta a Xunta de Galicia exclúe a todos os xulgados das vilas e só inclúe (a medias) os das sete grandes cidades. Polo tanto, o autodenominado “Plan de actuación” deixa fóra a dúas terceiras partes dos órganos xudiciais galegos, sen contar os Xulgados de Paz, e convértese así nunha actuación institucional absolutamente propagandística, un comportamento que desde o noso colectivo xa padecimos en múltiples ocasións polo simple feito de exercer o noso dereito fundamental á folga.
A evidente discriminación coa que a Xunta de Galicia agasalla ás persoas usuarias dun servizo tan básico como o da Administración de Xustiza na Mariña, establecendo unha perigosa separación entre cidadáns de primeira e cidadáns de segunda ao non incluír os Xulgados de Viveiro no seu “Plan de actuación” oficial, ten consecuencias moi graves para o noso partido xudicial que, lembremos, tamén inclúe as localidades de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz.
Os litixios sofren unha enorme demora debido á ausencia dunha actuación certeira por parte da Administración autonómica tras o conflito laboral máis importante que houbo nunca en Galicia. Isto provoca que os preitos poidan chegar a sufrir atrasos na tramitación que poderían alcanzar os dezaoito meses en Viveiro. En concreto, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 resulta ser o máis afectado debido a que o seu persoal secundou o paro dun xeito case total. O desleixo da Xunta nos meses posteriores á finalización do conflito provocou unha enorme acumulación de asuntos, todo isto a pesar de terse comprometido por escrito para atallar a situación que se nos viña enriba cun verdadeiro plan de recuperación que agora non se ve por ningures.
Do mesmo xeito, dáse a circunstancia de que o Xulgado nº 2 de Viveiro é o que tamén ten atribuídas as competencias no eido da Violencia de Xénero. A xurisdicción penal queda fóra desta situación debido á urxencia que conleva un asunto deste tipo. Pero non acontece así coa xurisdicción civil, na que se tramitan as demandas de divorcio, separación ou medidas paternofiliais para desvincularse do agresor de xeito definitivo.
As medidas civís que se establecen nun primeiro momento nos procesos penais teñen unha vixencia de unicamente trinta días, tal e como dispón o apartado 7 do artigo 544 ter da Lei de Axuizamento Criminal. Con posterioridade, o Xulgado de Violencia sobre a Muller debe ratificar ou modificar estas primeiras medidas tras a interposición por parte da vítima da correspondente demanda. Pero aí vén o problema: a civil non é unha xurisdicción preferente e os asuntos acumúlanse ante a ausencia dun plan de actuación serio que tamén inclúa as vilas galegas. Porén, o órgano xudicial competente no eido da Violencia sobre a Muller en Viveiro (Xulgado nº 2) ten que resolver sobre situacións tan importantes como a atribución do domicilio familiar, o réxime de custodia e visitas, ou a pensión de alimentos a favor dos menores vítimas da violencia doméstica.
O descontento no sector xudicial é tan grande, que incluso a minoría de sindicatos asinantes do acordo que puxo fin á folga ameazaron por escrito á Xunta coa posibilidade de abandonar a Comisión de Seguimento, deixando claro que non apoiarían a proposta da Administración autonómica. Polo tanto, queda claro que estes son uns plans de recuperación afastados da coherencia, a realidade e o sentido común; ademais dunha evidente discriminación coa poboación das localidades que conforman o partido xudicial de Viveiro.
David Díaz e Marco López
Membros da Mesa Local de Coordinación interinstitucional fronte á violencia de xénero
en representación do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro
(Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 2)