Mondoñedo 30-12-18. Semella que a actual equipa directiva do SERGAS confórmase con mentir reiteradamente en notas informativas cando o BNG informa sobre as deficiencias xa sistémicas no noso Centro de Saúde, máis outra vez o SERGAS continúa co desleixo na adecuación do servizo que presta no Centro de saúde de Foz.
O portavoz-alcalde do PP non sabe ou non contesta (segue sen facelo ao respecto das urxencias no Centro de Saúde, desmontadas hai xa catro anos cando nos acusara de mentir, e fora él quen unha vez máis mentira).
O Centro de Saúde continúa “funcionando” cun sobreesforzo xa eterno dos seus traballadores, por mor das reiteradas e inadecuadas coberturas con medias xornadas das e dos DUE, a inexistencia da cobertura das baixas de sanitarios e de PSXs, a non reposición da xubilación en 2018 dunha auxiliar de enfermería, e continúa sen cubrirse a reducción de xornada do Servizo de Odontoloxía e o de Pediatría. O BNG sabeo polos usuarios, que comezan a recibir recitacións das datas destes días de nadal, que o Centro de Saúde de Foz quedará sen Servizo de Odontoloxía e Pediatría máis dunha semana (xa quedou o pasado día 24 de decembro). Se non fora máis que unha semana sería grave pero sendo a enésima non cobertura de ausencias programadas destes e doutros dos profesionais que exercen o seu dereito ao descanso, é moi grave. Roza o delito como xa se puido ver no PAC da Estrada recentemente e conta co aplauso pechado do PP, que na Xunta e no Concello non saben como xustificarse. Declaran que non hai persoal, ou peor ainda, que é culpa dos profesionais.
So hai un responsable, o goberno do PP. As veciñas e os veciños de Foz e o BNG, esixen o adecuado funcionamento dos seus servizos públicos, tamén no Centro de Foz.