Viveiro, 28 de xullo, 2019. A Consellería do Medio Rural publicou no DOG do 7 de maio de 2018 a instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza. Esta instrución determina as competencias que corresponden aos concellos e cales á Xunta para o inicio das actuacións de oficio co obxecto de impulsar as franxas de proteccción antiincendios e como proceder contra quen incumpre as obrigas de xestión do matorral e do arborado nestas franxas en torno aos núcleos de poboación e vías de comunicación.
Durante as últimas semanas o BNG recibiu numerosas queixas veciñais ao respecto do estado de abandono de fincas e de plantacións de especies que propagan con facilidade o lume próximas a vivendas e núcleos de pobación do concello. A veciñanza laméntase de que as administracións non actúen de oficio para evitar estas situacións que poñen en perigo a seguridade das persoas e das propiedades, cando son elas as que teñen a competencia para facer cumprir as súas propias normativas administrativas, como a da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza. Non é admisible que debido a deixadez e irresponsabilidade das administracións sexan os propios afectados os que teñen que denunciar a algún dxs seus veciñxs por incumprimento desta obriga de limpeza, o que non so supón para a veciñanza mareos e dificultades á hora da realización do trámite burocrático, cuxa resolución se alonga no tempo, senón que tamén acaba afectando ás relacións entre a veciñanza e con consecuencias negativas para o mantemento dunha convivencia veciñal en harmonía.
Sendo o concello de Viveiro, de acordo coa Instrución 1/2018 da Consellería de Medio Rural, a administración competente para vixiar o cumprimento das franxas de protección contra o lume no solo rústico, urbanizable ou de núcleo rural, o BNG queremos trasladarlle ao goberno municipal as seguintes preguntas:
O Concello de Viveiro conta cun plan municipal contra incendios, no que está delimita a rede de franxas secundarias?
O Concello de Viveiro puxo en marcha algunha campaña informativa recordando á veciñanza a necesidade de manter limpa as franxas de protección en torno á casas ailladas, os núcleos de poboación, ás explotacións agro-gandeiras, instalacións industriais, gasolineiras, parques etc.? ou publicou e distribuíu algún bando municipal informativo ao respecto?
O Concello de Viveiro solicitou adherirse ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galiza, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o estabelecemento dun Sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias? O goberno municipal ten pensado adherirse a este convenio?
O concello de Viveiro está a facer algún tipo de vixiancia do cumprimento das franxas de protección en torno ás vivendas e núcleos de poboación, onde a normativa obriga a manter 50 metros libres de matorral, pinos e eucaliptos? Se é así, cantos avisos sobre o incumprimento desta obriga notificou de oficio este ano, cal é o número de traballadores municipais dedicados a esta tarefa e cantas saídas de campo fixeron para realizar as comprobacións oportunas?






















Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



