Burela a 3 de febreiro de 2020. A CIG-Saúde da Mariña vén de presentar con data 31/01/2020 e hora 13:28 h denuncia perante a Inspección de Traballo de Lugo por unha posible infracción en materia de seguridade e saúde, e en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, polas deficiencias estruturais en determinadas consultas do Centro de Saúde de Viveiro.
A CIG-Saúde da Mariña novamente denuncia que o centro de saúde de Viveiro está a rexistrar principalmente na época estival unha temperatura media de entre 29 e 31 graos centígrados en determinadas consultas, “o que incumpre a normativa legal vixente sobre as máximas autorizadas non só nun centro asistencial senón en calquera lugar de traballo”.
Consultas afectadas e consecuencias para a saúde.
Concretamente as consultas afectadas do Centro de Saúde de Viveiro son a n.º 25, 26, 27, 28, 29 e a Sala de Xuntas (onde se realizan actividades grupais, reunións de equipo e tamén se usa como área de descanso).
Segundo sinalan, esta excesiva calor, que supera o máximo estimado para o risco de tensión térmica (a partir de 27º C), está a afectar a traballadores/as, pacientes e usuarios/as, e lembra que existe un risco potencial de desmaio por estas altas temperaturas.
Ademais, puntualizan que, segundo a normativa legal vixente, a temperatura en centros onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas e tarefas similares deberá estar comprendida entre 17 e 27º C, e naqueles onde se fagan traballos lixeiros entre os 14 e 25º C.
“Os e as profesionais levan tempo demandando unha solución para unha situación que se repite todos os veráns”, lembran, ·ao tempo que sosteñen que “a Xerencia de Lugo-A Mariña-Monforte é coñecedora polas canles oficiais e legais establecidas do que está a acontecer o 09/11/2019 e o 20/12/2020 sen obter resposta nin solución”.
Detallan que segundo o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo -dependente do Ministerio de Emprego-, “unha temperatura inadecuada, e máis se é superior aos 27º C, pode producir catarros, molestias e incomodidade aos traballadores/as, afectando o seu benestar, á execución das súas tarefas e ao seu propio rendemento laboral”.
Fundamentos nos que se apoia a denuncia perante Inspección de Traballo.
Segundo os feitos expostos, estanse a producir diversos incumprimentos á normativa en materia de prevención de riscos laborais, explican, en concreto e entre outros en relación a:
– Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, artigo 14, 16;
– R.D. 486/1997, disposicións mínimas de seguridade e saúde nos Lugares de Traballo; Art. 7 e Anexo III (Condicións Ambientais), onde se recolle:
Art. 7.1 A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non deberá supoñer un risco para a seguridade e saúde dos traballadores.
Anexo III. 2. As condicións ambientais dos lugares de traballo non deben constituír unha fonte de incomodidade ou molestia para os traballadores. A tal efecto, deberán evitarse as temperaturas e as humidades extremas, os cambios bruscos de temperatura, as correntes de aire molestas …
3. Nos locais de traballo pechados deberán cumprirse, en particular, as seguintes condicións:
a. A temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios estará comprendida entre 17 e 27 ºC
b. A temperatura dos locais onde se realicen traballos lixeiros estará comprendida entre 14 e 25 ºC
-Segundo o R.D. 1027/2007 de 20 de xullo, polo que se aproba o RITE (actualizado polo R.D. 1826/2009 e 238/2013) os valores da temperatura operativa estarán comprendidos entre 21 e 23ºC con tempo invernal e entre 23 e 25ºC no verán.
Actuacións.
As actuacións, segundo explica a central nacionalista, pasarían pola adaptación das fiestras, equipos de climatización, e estores para diminuír a temperatura, mais nunca se executa.
A Xerencia de Lugo nin responde nin actúa.
Ante a falta de resposta e actuación da Xerencia da Área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte a CIG-Saúde decidiu, como último recurso, presentar esta denuncia na Inspección para que proceda a realizar os requirimentos por incumprimento da normativa e á adopción das medidas legais oportunas, e así dese xeito, a Xerencia de Lugo (de quen depende a Atención Primaria e Centros de Saúde) solucione as deficiencias estruturais para evitar os problemas de saúde do persoal, xa que na consulta de saúde pública dependente da Xunta tomáronse medidas instalando climatizador, namentres que nas consultas dependentes do SERGAS persiste o problema.