Trabada, 11 de febreiro, 2020. O Concello de Trabada continúa con novos e ilusionantes proxectos como a creación da Escola de Música Moderna de Trabada. Dende o Concello pretendemos poñer en marcha este proxecto educativo co fin de proporcionar á veciñanza unha formación musical de calidade á vez de enriquecer a cultura e o espírito do noso pobo.
Este proxecto baséase na premisa de que non existe unha idade establecida para aprender, polo cal a oferta educativa está aberta a calquera persoa indeferentemente da súa idade. As especialidades instrumentais ás que se pode optar, entre outras, son: piano, batería, guitarra, baixo eléctrico, saxofón, clarinete, gaita, acordeón e percusión tradicional, ademáis da materia de música e movemento para os nenos e nenas entre catro e oito anos.
Para explicar polo miúdo todos e cada un dos aspectos deste novo proxecto, celebrarase unha reunión informativa o mércores, 12 de febreiro ás 16h no CEIP Plurilingüe “Celso Currás”.
