Burela, 16 de abril de 2020. Noventa familias de Burela reciben quincenalmente produtos frescos procedentes do Banco de Alimentos de Lugo. Ao reparto que se realiza hoxe uniuse a empresa Pescados Rubén, que fixo unha doazón de 270 quilos de xarda, xesto que lle agradece a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López. Da distribución destes alimentos, como ven sendo habitual, encárganse Mulleres en Igualdade e o Concello.
A edil burelesa sinalou que “xa vai un mes dende que nos tivemos que confinar nos nosos fogares. E no departamento de Servizos Sociais de Burela, tal e como tiñamos estimado, é a partir de agora cando estamos detectando un aumento dos casos de solicitudes de axudas, sobre todo para alimentos e bens de primeira necesidade. Para paliar esta demanda, estanse preparando medidas de emerxencia”.
Carmela López agradece “a colaboración que estamos a atopar en moitas empresas de Burela e da súa contorna. Hai uns días, no anterior reparto contamos coa pescada do pincho, que nos doou Absa. Foron 90 pezas, en total uns 200 quilos. E agora Pescados Rubén fíxonos chegar 270 quilos de cabala para facer a súa achega a ese reparto de alimentos frescos e que así as familias poidan desfrutar dun confinamento mellor e dunha alimentación o máis completa posible”.
A concelleira de Servizos Sociais quere transmitir unha vez máis “moito ánimo a toda a poboación. Dende o Concello quero tender a man a aquelas familias que precisan axuda. E reiterar o agradecemento de tódalas doazóns que se están a percibir, tanto ao Concello, Cáritas, Cruz Vermella… de empresas do noso pobo. Gran a gran tentamos xuntos de que a ninguén lle falta de nada estes días”.