Viveiro, 24 de abril de 2020. O Concello de Viveiro, en colaboración cos centros educativos do municipio, puxo en funcionamento o 13 de abril un servizo de impresión de materiais educativos para o alumnado que non dispón de recursos tecnolóxicos na súa casa, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación, debido á situación de confinamento decretada para loitar contra o Covid-19.
Este servizo canalizouse a través dos centros educativos, co obxectivo de obter unha maior coordinación e axilidade na iniciativa.
Nestes dez días de funcionamento o servizo de impresión leva atendido as peticións de arredor de 100 estudantes de primaria, ESO e bacharelato, derivados polos centros de primaria e secundaria, que recibiron o material na súa casa, entregado por membros de Protección Civil.
“Dende o Concello valoramos moi satisfactoriamente este servizo pola boa acollida entre a comunidade educativa e destacamos a total colaboración manifestada por todos os docentes e persoal de orientación dos centros”, sostén a alcaldesa, María Loureiro.
Ao longo desta semana, en coordinación coas direccións dos centros educativos, o persoal de Protección Civil e Policía Local tamén se encargou de entregar ao alumnado os libros e material didáctico que quedaran nos centros; encargouse, así mesmo, de entregar os ordenadores de empréstito facilitados pola Xunta de Galicia para aqueles mozos e mozas que non dispoñían deste recurso nos seus domicilios.
O goberno municipal xestiona estes servizos co obxectivo de colaborar coas familias e cos centros educativos nesta complexa situación e agradece o traballo de todo o persoal municipal que se encarga de realizar estas labores, así como aos propios centros pola súa colaboración e coordinación.
