Foz, 30 de xuño de 2020. O Concello de Foz apoia as traballadoras e traballadores a factoría Alcoa, de San Cibrao, e das empresas auxiliares cun parón de 20 minutos dos empregados municipais mañá, mércores, ás doce do mediodía. Ademais colocaron unha pancarta no balcón da Casa do Concello.
O alcalde focense explica que “o Concello de Foz quere mostrar a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores de Alcoa, das empresas auxiliares e de todas aquelas que dependen da produción de aluminio na factoría de San Cibrao. Son moitas bocas, moitas familias, as que comen grazas ao seu esforzo e traballo na planta de aluminio. Estamos e seguimos estando ao seu carón e desde aquí queremos visualizar tamén o apoio de todo o Concello. Por iso, ademais de colgar unha pancarta de apoio na loita no balcón do Concello, faremos un parón de 20 minutos dos traballadores e traballadoras de todos os servizos do Concello ás 12 horas, coincidindo coa concentración en Santiago”.
Fran Cajto engade: “necesitamos unha tarifa eléctrica xusta para que a planta sexa viable e atractiva para un comprador, xa que Alcoa deixou claro que non quere continuar. A multinacional americana ten que facilitar a transición, tantos postos de traballo non poden depender dunha decisión empresarial, cando a factoría recibiu centos de millóns en axudas do Estado. Apoiamos as reivindicacións e estaremos sempre ao lado da xente”.