Lugo, 19 de outubro de 2020. Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 14 dispositivos na provincia de Lugo no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 7 inspeccións en 4 concellos da provincia na pasada fin de semana, que deron como resultado a identificación de 83 persoas.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 16 ao 18 de outubro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Leváronse a cabo 14 dispositivos nos municipios de Lugo, Baleira, Friol e Mondoñedo.
No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 23 concellos, nos que que se rexistraron 97 operativos cun total de 121 inspeccións, con máis de 600 persoas identificadas e 28 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.