Lugo, 9 de outubro de 2020. A secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero acusou hoxe a Alcoa de cruzar a liña vermella das empresas responsables, trala presentación do ERE por parte da multinacional. A política laboral da empresa quedou completamente en evidencia, tras anunciar o expediente de regulación de emprego. “Alcoa xa non pertence ao grupo de empresas responsables”, dixo a dirixente socialista.
“Agora toca parar o ERE de Alcoa”, remarcou. E advertiu que “Alcoa ignorou todos os chamamentos para volver á negociación, e dar paso ao novo inversor. Deixou claro que quere ignorar e abandoar o destino dos seus traballadores na Mariña Lucense”.
Dende o PsdeG “demandamos á autoridade laboral competente que impugne este ERE presentado en fraude manifesto da lei. E tamén reclamamos ás dúas administracións implicadas, Goberno Central e Autonómico, así como aos concellos da Mariña e todas as forzas políticas, manter a mesma unidade de acción. Este novo escenario merece toda a nosa atención, dedicación e traballo co fin de parar este ERE inxusto e inmoral”, dixo Otero.
“Queremos protexer por riba de todo os intereses dos traballadores, por iso queremos reiterarlles todo o noso apoio. Só traballando unidos imos gañar esta batalla contra aqueles que demostraron que non merecen máis que o noso rexeitamento político”, concluíu Patricia Otero.