Lugo, 20 de novembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que os Orzamentos da institución para o ano 2021 ascenden a 92,5M€ e están centrados nas persoas e na recuperación económica. “Da man dos concellos e do tecido produtivo, seguiremos contribuíndo a paliar os efectos da pandemia e axudando á reactivación da provincia de Lugo, dende o punto de vista social e económico”, entre outras medidas, dobrando os recursos para o mantemento e a creación de emprego, explicou José Tomé.
O mandatario provincial compareceu esta mañá no Salón de Actos xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro Tallón, e á Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, para presentar os presupostos do vindeiro ano, que serán debatidos e aprobados nun Pleno extraordinario o 30 de novembro.
“Nuns tempos coma estes, de tanta incerteza e cambios debido á pandemia da COVID-19, o que necesita a cidadanía das administracións públicas e dos seus representantes políticos creo que é estabilidade, rigor e confianza. E iso é o que ofrecen estes Orzamentos porque serán efectivos a principios de ano, algo fundamental no actual contexto de loita contra a crise, e polas medidas e políticas que recollen”, explicou o Presidente.
Os Orzamentos da Deputación de Lugo para o 2021 ascenden a 92.418.752,96€, o que supón un incremento de case un punto porcentual con respecto a este ano, unha cantidade que “alcanzamos a pesar do efecto negativo da pandemia nalgúns ingresos correntes, unha caída que, non obstante, compensamos co aumento dun 3% na participación nos tributos do Estado”.
En canto ás medidas, o Presidente destacou a conxelación dos soldos dos membros da Corporación provincial no ano 2021 por decisión do Goberno. “Neste momento de crise social e económica, na que o está a pasar moi mal tanta xente, é o que debemos facer os representantes políticos, que somos persoas con vocación de servizo público por riba de todo”.
Para seguir contribuíndo á loita contra a pandemia, o Goberno reforza as súas liñas de traballo prioritarias: o apoio ao emprego dentro das políticas sociais; o impulso aos sectores produtivos estratéxicos da provincia; a cooperación cos concellos e co tecido social e a mellora da mobilidade.
Mantemento e creación de emprego
O Presidente explicou que para o ano 2021 a Deputación duplica os recursos para o mantemento e a creación de emprego, chegando aos 9M€, dos que 5 están contemplados nos Orzamentos e 4 proceden de fondos que o Goberno captou da Unión Europa a través da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Estes recursos dedicaranse a axudas para a contratación de persoas desempregadas, ó apoio ao emprendemento e a plans de formación, e tamén a plans de transformación dixital e de mellora da competitividade de PEMES e autónomos, ben de xeito directo, ou ben a través da cooperación cos Concellos ou co propio tecido produtivo. Estarán destinados, ademais, “para os colectivos máis vulnerables e para os sectores económicos máis afectados pola crise da pandemia, así como para diversificar o sector primario”, asegurou o Presidente.
José Tomé cumpre así coa prioridade que marcou ao inicio de mandato de reactivar a captación de fondos europeos para relanzar a economía e o emprego e para aproveitar as potencialidades da provincia.
O emprego é unha das patas das Políticas Sociais da Deputación de Lugo, das que tamén colgan outros servizos, como benestar, igualdade, cultura, deportes, mocidade ou educación, e ás que o Goberno destina en conxunto 30M€, un terzo do total do Orzamento, segundo explicou o Presidente.
“Seguimos, un ano máis, asumindo competencias que debería desenvolver a Xunta de Galicia, que parece esquecer ás obrigas que lle fixa o Estatuto de Autonomía. E facémolo dende o convencemento de que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas desta provincia, sobre todo daqueles que máis o precisan en momentos de dificultade”, afirmou Tomé.
En políticas sociais, o mandatario provincial destacou o avance na posta en marcha de centros de atención a maiores, aos que se destinan 8M€ nos Orzamentos. A previsión é que o vindeiro ano estean en funcionamento Castroverde, Pedrafita, Meira e Navia de Suarna, co cal a Deputación duplicará o número de centros abertos, pasando de catro a oito, co que creará case 190 prazas asistenciais e 100 empregos directos no rural.
O Presidente destacou neste sentido que a rede pública de residencias é “unha fonte de emprego moi importante. Un tipo de emprego sostible no tempo, de calidade e no rural, o que contribúe a fixar poboación”. Puxo en valor ademais o modelo asistencial da institución: “un modelo público, de proximidade, de calidade, que pon no centro ás persoas, e non ó negocio, que dá benestar e tranquilidade ós usuarios e ás súas familias, e que crea emprego no rural”. Esta forma de xestión, engadiu “viuse reforzada na actual situación provocada pola pandemia e cremos que é un bo espello no que se poden mirar outras administracións, como a Xunta de Galicia, que admite, agora, a necesidade de revisar o seu modelo”.
Apoio aos sectores produtivos estratéxicos
José Tomé destacou que a pegada da COVID “validou a nosa aposta” polo sector primario e o turismo como actividades económicas estratéxicas na provincia, co que nos Orzamentos do 2021 aumentan os recursos para accións enfocadas ao eido agrogandeiro, forestal e do mar nun 13%, ata os 2,3M€, e para turismo nun 10%, ata chegar aos 3M€.
En canto ó sector primario, “seguiremos promovendo a diversificación da produción, xerar valor engadido e contribuír á viabilidade e rendibilidade da actividade agrogandeira, forestal e do mar, con proxectos como os da Granxa Gayoso Castro ou o de Tor, pero tamén con outras colaboracións directas co tecido produtivo a través de programas concretos e axudas”, sinalou.
Con respecto ao turismo, como novidades, o Presidente destacou a posta en marcha de dúas novas liñas de actuación: por unha parte, un programa para o fomento do turismo interior, con rutas ou actividades que se poidan facer nun tempo curto e que “potencien entre os propios lucenses o coñecemento e o aproveitamento da ampla oferta da provincia”, e, por outra, un plan de promoción dos produtos artesáns de proximidade, “como unha maneira de favorecer a actividade produtiva neste sector, importante dun xeito especial para o rural”.
No ámbito do turismo, engadiu José Tomé, outra das accións importantes son as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, “un servizo ao que destinamos máis de 700.000€, sobre todo no ano no que, con seguridade, este territorio será declarado Patrimonio da Humanidade e que avanza tamén cara o recoñecemento como Reserva da Biosfera”.
Cooperación cos Concellos e co tecido social
O Goberno provincial entende a Deputación “como o Concello dos Concellos, polo que a cooperación cos 67 municipios da provincia é unha política transversal que imos seguir desenvolvendo no 2021”, afirmou o Presidente. Neste sentido, o Plan Único, como “principal instrumento de cooperación” da entidade, estará dotado con 11M€ no Orzamento, que se elevarán ata superar os 21,3M€ coa incorporación de remanentes, como se veu facendo ata agora.
Tomé incidiu en que este programa fai “un reparto transparente e obxectivo dos fondos públicos da Deputación entre todos os concellos, de todas as cores políticas, dándolles autonomía para utilizalos segundo as súas características e necesidades”, mentres a Xunta de Galicia segue “sen cambiar a súa política de distribución discrecional de fondos públicos”. O Presidente pediu de novo ao Goberno galego que “tome nota e faga un reparto equitativo e xusto dos seus recursos, sen partidismos, porque iso beneficia aos veciños e veciñas”.
A maiores do Plan Único, aínda que neste mesmo marco de cooperación, a Deputación poñerá en marcha un Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Públicos e Comunitarios, que este ano comeza con 300.000 euros, e que está dirixido “a atender as necesidades veciñais en materia de servizos ou equipamentos, actuacións que melloran moito a vida dos veciños e veciñas”, explicou José Tomé.
Mellora da mobilidade
Demostrando que a mellora da mobilidade é unha prioridade do Presidente, anunciou unha subida do 14% nos fondos para estradas, ata superar os 16M€, un esforzo económico que servirá para a mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.
“A nosa aposta pola mobilidade como dereito básico dos veciños e veciñas da provincia vai unida ó convencemento de que unha boa rede de estradas resulta fundamental para o equilibrio territorial e o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e achegar servizos. Ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e xere emprego directo e indirecto”, explicou José Tomé.






















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.