Como o titulo da última publicación de Christian Salmon vivimos na era do enfrontamento. Na política vívense tempos de polarización, confrontación gratuíta e palabrería malsoante para enfrontarse ao, considerado, “inimigo”. Así parece que ocorre no PP de Foz que demostra unha falta absoluta de responsabilidade na súa labor como oposición, acudindo con frecuencia á descualificación e ao ataque persoal. Isto sería incluso perdoable sempre e cando, as críticas, fosen acompañadas dun solvente argumentario e unha actitude construtiva.
Unha mostra do anterior son aquelas declaracións do seu portavoz acusando ao actual goberno e á concelleira delegada de asuntos sociais de non facer nada en dous anos. O triste é que estas acusacións, sen fundamento, fainas un portavoz e ex-alcalde, baixo cuxo mandato na alcaldía o responsable de asuntos sociais (algúns din que nunca se soubo se foi home ou muller), non apareceu polas dependencias do servizo máis que dúas veces en oito anos.
Bastan dous ou tres apuntes para desbaratar tales afirmacións, pois a concelleira delegada aparte de acudir diariamente ás dependencias dos Servizos Sociais, está ao tanto de todos os asuntos do mesmo participando activamente neles; é a primeira vez, en moito tempo, que un responsable deste servizo interésase polas persoas que prestan o servizo de axuda no fogar ou polos voluntarios que prestan o seu tempo e traballo neste servizo do Concello ou que deu entidade e dignidade a un banco de alimentos que carecía de andeis, conxeladores ou neveiras gracias o cal púidose introducir alimentos frescos ou conxelados, como iogures, pescados etc., no mesmo.
Ou cando o portavoz popular acusa da falta de vacinación dos traballadores de axuda no fogar, ao goberno municipal, que non ten competencias na materia e que, como se demostrou posteriormente, enviou a listaxe para a súa vacinación en tempo e forma. Utilizar a pandemia e a vacinación é xogar coas expectativas da xente e propio dunha oposición miserable.
A dereita ten a crenza de ser a propietaria do poder e de que este é consubstancial ao PP e cando a realidade democrática se impón, cando perde o poder, substitúe a razón e a crítica construtiva polo medo. É entón cando a crispación se converte nunha arma política contra o goberno.
As ultimas declaracións do PP de Foz veñen a reafirmar estas afirmacións de apego o poder, non asimilan aínda que non gobernan, que perderon as elección e utilizan as descualificacións as mentiras e as medias verdades para atacar ao goberno municipal.
No último pleno o tema estrela foi a accesibilidade de determinadas obras executadas polo goberno de Foz, cando en 8 anos non se preocuparon da mesma. Onde estaban, por exemplo, os pasos de peóns das rúas principais cando se inauguraron? A accesibilidade é unha meta á que temos que chegar, pero polo camiño hai moitas etapas, hai que atender non só a casos concretos, senón ter unha visión global das actuación que se están a acometer e iso é precisamente o que fai este goberno. As obras contan co aval dous técnicos e sempre van en beneficio dos veciños.
O que lle senta mal ao PP de Foz é que este goberno ten equipo, que todos e cada un dos concelleiros e concelleiras, co Alcalde ao fronte, están plenamente comprometidos co desempeño do seu labor ao servizo de todos os veciños e veciñas, sen estridencias nin demagoxias baratas.
Os catro primeiros anos nunha alcaldía non son fáciles. É necesario poñerse ao día nos asuntos municipais, ir coñecendo a todos e cada un dos funcionarios municipais e a labor que desempeñan e dirixir e coordinar a todos os obreiros municipais. E é aquí, onde o actual alcalde pon todo o seu empeño, nunca s traballou tanto cos equipos humanos e cos recursos materiais a disposición do Concello, cumprindo así coas moitas recomendacións dos técnicos municipais de dispoñer e utilizar, necesariamente, todos os medios propios do Concello. Nunca antes ningún goberno fixo tanto en tan pouco tempo. Hai que lembrar que non levamos nin dous anos ao cargo deste Concello.
Sería moito mais fácil tirar de chequeira, sacar o talonario, chamar por teléfono a unha empresa amiga para arranxar o pobo, como facía o anterior alcalde do Partido Popular, que facelo cos medios e recursos propios do Concello como fai o actual alcalde.
Aquel tirar de chequeira tivo un custo moi alto, por unha banda uns gastos fora de contabilidade de máis de 400.000 euros cada ano; é dicir gastar e gastar sen orzar nin planificar, o que levou ao Concello a ter que elaborar un Plan económico financeiro e a estar intervido de facto pola Xunta de Galicia ao ser sancionado cunha partida de non dispoñibilidade nos orzamentos de 600.000 euros o que, nun orzamento de menos de 8 millóns, é unha cifra considerable. E por outra banda, a non cumprir os orzamentos, ou máis ben, a ter uns orzamentos mal confeccionados, onde a maioría das partidas quedaban sen executar, traducíndose nuns remanentes de tesourería avultados
O esforzo da concellería de Facenda foi o de elaborar un orzamento crible e realista, o que se traduciu nunha redución de máis de 200.000 euros nas facturas fora de contabilidade como quedou acreditado non último pleno.
Pedímoslle aos populares que traballen por Foz, que pidan inversións a Xunta de Galicia para Foz. Que soliciten financiamento para un auditorio ou que haxa socorristas suficientes de cara o verán ou aumentar e mellorar os servizos do centro de saúde de Foz. Ata o día de hoxe non contamos mais ca oposición do Partido popular, nunca mellor dito. O PSOE, cando os populares gobernaban, estando na oposición fixo un esforzo por traer cartos, véxase a canceira, a rúa Álvaro Cunqueiro, arranxos en diversos parques infantís. Preto de 3 millóns de euros no último mandato.
Temos que recuperar ou boa política, a política dos argumentos, do debate sen estridencias e sen descualificacións. Temos moito que facer, un pobo que cambiar, pero sempre dende a legalidade, cos recursos que temos, económicos e humanos e sobre a base dun documento técnico como o plan de mobilidade que marcará a acción dos gobernos futuros cara a un novo Foz máis integrador, accesible e sostible.
Como ben di Salmon, unha sociedade pilotada sobre medias verdades vai directa ao abismo, dende logo esa non é a política que defende e practica o PSdeG-PSOE de Foz.
Chema Linares, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Foz

























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



