Lugo, 21 de abril de 2021. Este martes presentouse no Pazo de San Marcos “Xela Arias. A poesía do retrato”, un proxecto expositivo que presenta textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil entre 1988 e 2001.
A mostra, que se complementa cun libro catálogo, é o eixo central das actividades organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo polas Letras Galegas. Concebida para espazos exteriores e cun formato adaptado á itinerancia, inaugurarase o vindeiro 1 de maio en Sarria e exporase despois en Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo.
A exposición consta de 20 imaxes en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético, dando lugar a unha potente interacción entre a fotografía e poesía. A colección de imaxes, que se amplía ata as 53 no catálogo que acompaña a mostra, retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. Son imaxes cargadas de poesía, onde a mirada penetrante de Xela Arias observa de fronte e con honestidade.
Os retratos recollen a vontade creativa e os pactos estéticos do fotógrafo e da poeta, que non só se amosa como modelo, tamén como creadora, tal e como explicou na presentación da mostra Xulio Gil. “Hai moi poucas fotografías que sexan roubada, que sexan do doméstico, en xeral, son fotografías recollen posturas ou posados nos que ela controla a imaxe que quere transmitir”, sinalou o fotógrafo, quen aludiu ao proxecto poético “Tigres coma cabalos”, como o precedente da relación artística entre ambos.
Os textos poéticos que acompañan as imaxes corresponden a fragamentos da poesía dispersa de Xela Arias, versos publicados en xornais, revistas e fanzines recollidos por María Xesús Nogueira en “Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias” (Edicións Xerais, 2018).
Xulio Gil abondou na vinculación de Xela Arias con Lugo “fíxose poeta e adulta en Vigo, pero era de Lugo, tiña corenta anos e era de Lugo, porque era a antropoloxía que tiña na casa, co seu pai Valentín e coa súa nai Amparo. Estou seguro de que sería para ela un orgullo que a súa poesía e a súa imaxe estiveran por todo Lugo”, sinalou.
Formato e itinerancia
A instalación das fotografías e dos poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón. Un formato concebido para a instalación en espazos exteriores e a itinerancia, unha fórmula coa que a Vicepresidencia da Deputación aposta por achegar a poesía e a fotografía ás diferentes comarcas.
A exposición comezará o seu percorrido pola provincia de Lugo o 1 de maio en Sarria, localidade natal da autora, e estará instalada en paneis distribuídos polo centro urbano da vila ata o 20 de maio.
A mostra poderá verse despois en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.
“Cando soubemos da elección de Xela Arias para o Día das Letras Galegas 2021, entendemos que era un nomeamento que nos apelaba directamente, pola orixe sarriá da poeta pero tamén polo seu compromiso social, polo seu feminismo e pola súa vontade de abrir novos camiños para a poesía e a creación en galego”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro.
“Esta fórmula expositiva, para exteriores e itinerante, responde á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa. Sacar a poesía do sillón do lector, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e doutras intervencións que achegaban a poesía a linguaxes e públicos diferentes”, indicou.
O produtor executivo da mostra, Xosé Aldea, describiu o “reto técnico” que supón a itinerancia da exposición, pola dimensión dos soportes, “8.000 quilos de cultura, de poesía e de fotografía, cos que procuramos socializar as propostas artísticas e culturais de Xela Arias e Xulio Gil”
Mañá, nova entrega de “Outras voces para as letras de Xela”
Á espera da inauguración da mostra, continúa coa difusión da serie audiovisual “Outras voces para as letras de Xela”, con quince pezas audiovisuais nas que a obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores e escritoras, artistas, familiares e persoas anónimas.
Tras a estrea o martes do primeiro episodio, coa participación do seu irmán Lois Arias, este xoves ás 20.30 horas, difundirase a segunda entrega, coa intervención da poeta Olga Novo, ás 20.30 horas nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.























A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



