Ribadeo, 3 de xuño de 2021. O Concello acondicionará o espazo que ocupa a antiga Estación do Tren Mineiro de Ribadeo-Vilaoudriz e as súas inmediacións para convertelo nun lugar de uso público no corazón do centro urbano da vila. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o Concello comprométese a estudar as posibles fontes de financiamento público. E mentres procederase ao desbroce, limpeza e acondicionamento da zona, onde se habilitará un aparcamento público e gratuíto de vehículos.
O rexedor explicou que “desde o Concello de Ribadeo estamos iniciando actuacións importantes e decisivas nunha área do casco urbano que leva decenios nunha situación moi degradada e á que se lle quere dar unha solución. Para iso aplicaranse todas as posibilidades legais que estean a disposición do Concello. Neste grande espazo que comprende a antiga Estación do Tren Mineiro de Ribadeo-Vilaoudriz e as súas inmediacións estamos a levar dúas actuacións de índole xurídico-administrativa”.
Estación do Tren Mineiro e a súa parcela
Suárez Barcia sinalou que “a primeira delas é que o Concello aceptou hai poucas semanas a cesión anticipada do edificio da antiga estación de tren xunto coa parcela que o comprende, logo de ter chegado ao acordo cos seus múltiples propietarios deste inmoble que está dentro dun polígono urbanístico de solo urbano non consolidado. Este complexo trámite iniciouse tempo atrás por mor da falta de cumprimento dos principios de seguridade, salubridade e ornato públicos que o Concello lle esixía aos seus propietarios”.
O alcalde indicou que “a actuación que o Concello asume de aquí en diante con esta cesión é o compromiso de manter e acondicionar esta área de 3.500 m2. O Concello comprométese a estudar as posibles fontes de financiamento público para rehabilitar este espazo e lograr facer un lugar de uso público no corazón do centro urbano da vila. Entrementres, toda esa parcela será desbrozada, limpada e acondicionada, onde se fará un aparcamento público e gratuíto de vehículos, tal e como estivemos a facer noutros puntos da Vila”.
Inicio do trámite de inmatriculación doutra parcela adxacente
O rexedor dixo que “xusto ao pé desta parcela existe outra grande superficie que non figura a nome de ninguén no Catastro de Inmobles. As pescudas que se estiveron a facer por parte dos técnicos municipais nos rexistros públicos e noutras investigacións, non botan luz sobre a efectiva titularidade deste espazo no que tamén existen naves e antigos almacéns da extinta Sociedade Mineira de Ribadeo-Vilaoudriz. Tamén nesta parcela está establecida unha chabola onde vive unha familia desde hai moitos anos”.
Fernando Suárez asegurou que “para despexar esta complexa situación, no día de hoxe foi publicado un Edicto municipal onde se abre un prazo dun mes para que todos aqueles que entendan que son propietarios destoutra importante parcela duns 3.364m2 o manifesten formalmente perante o Concello de Ribadeo. Se pasado este prazo, non aparecen o seu titular ou titulares, o Concello procederá de xeito semellante a como xa o ten feito noutros casos, isto é, á inmatriculación desta parcela e inscrición posterior no Rexistro da Propiedade a nome do Concello de Ribadeo”.
Diálogo coas persoas que viven na infravivenda para atopar unha solución definitiva
O alcalde engadiu que “desde hai moito tempo desde o Concello de Ribadeo lévase tentando buscar unha solución habitacional cun matrimonio que alí reside, sendo ata o momento infrutuosa a posibilidade de lograr a desaparición desta última infravivenda que temos en Ribadeo. No día de hoxe, mantívose, pola concelleira de Benestar Social, o traballador social e mais o alcalde, unha xuntanza cordial con este matrimonio para avanzar na busca dunha solución definitiva e co apoio do Concello de Ribadeo en buscarlles un aluguer dunha vivenda, chegando desde o Concello a propoñer unha axuda para o pago dun aluguer durante un período de tempo limitado así como para tramitarlle novamente as axudas sociais ás que teñan dereito diante da Comunidade Autónoma ou o Estado. Desde o Concello mantemos un fío de comunicación sincero, cordial e aberto con estas persoas para resolver definitivamente está situación que non se pode aceptar en pleno século XXI ao morar nunha infravivenda”.








Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



