Santiago de Compostela, 8 de xull, 2021. O Consello da Xunta analizou hoxe dous informes sobre a resolución de sendas convocatorias de axudas no eido da acuicultura coas que o Executivo galego destina preto de 5,6 millóns de euros tanto a investimentos produtivos no sector -principalmente de empresas de produción de mexillón- como a investigacións coas que impulsar melloras tecnolóxicas, a innovación e a competitividade no eido dos cultivos mariños na comunidade.
O primeiro informe avalía a resolución da convocatoria de axudas de 2021 para mellorar a produción, a eficiencia enerxética e o labor das empresas acuícolas na que se aprobaron 92 solicitudes por un importe total de algo máis de 4,7 millóns de euros. Estes apoios, que están cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), cobren ata o 50% do investimento a realizar, polo que ao abeiro destas iniciativas está previsto mobilizar máis de 11 millóns de euros contando os fondos aportados polas empresas solicitantes.
Os potenciais beneficiarios destas achegas son bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable, titulares establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima que teñan as súas instalacións na comunidade. A maioría das solicitudes aprobadas pertencen a empresas dedicadas á produción de mexillón, un total de 74 das 92 aceptadas no marco desta convocatoria, máis do 80% do total. En canto ao orzamento destinado a estas axudas, tamén preto do 70% é para o sector bateeiro, con máis de 3,2 millóns de euros dos 4,7 millóns de euros concedidos.
O obxectivo desta orde de axudas é fomentar unha acuicultura sustentable desde unha perspectiva medioambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. A través delas, a Consellería do Mar subvenciona actuacións para investimentos produtivos na acuicultura, para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector incluíndo a adquisición de equipos. Ao abeiro destas axudas tamén se financian, entre outros, investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor.
Axudas á investigación
O segundo informe dá conta da resolución da convocatoria de achegas para o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura, no marco da que se aprobaron seis proxectos -todos os presentados- para investigar en distintos eidos en materia de cultivos mariños cun apoio público de preto de 900.000 euros. As seis accións están subvencionadas ao 100% e os traballos desenvolveranse entre 2021 e 2022.
O primeiro deses proxectos está impulsado pola empresa Proameixa Fernández SL que, co apoio do Clúster da Acuicultura de Galicia, tratará de establecer un procedemento para a produción de larvas de ameixa rubia e xaponesa en laboratorio para trasladalas a bateas para proceder ao seu engorde. Mentres, a patronal conserveira Anfaco-Cecopesca promove dúas iniciativas, unha co obxectivo de desenvolver metodoloxías e técnicas de cultivo de semente de mexillón (mexilla) de xeito controlado en criadeiros e outra para desenvolver metodoloxías e técnicas de cultivo de dúas variedades de algas vermellas de importancia comercial en Galicia.
Os tres últimos proxectos corresponden ao Clúster da Acuicultura de Galicia, centrados na consecución de obxectivos como o desenvolvemento dun índice sanitario para determinar o estado infeccioso no cultivo de rodaballo ante a incidencia de dous patóxenos así como establecer un posible protocolo de actuación. Outro deles aspira a reformular as vacinas orais fronte a determinadas enfermidades para que manteñan a súa integridade e efectividade no seu paso polo sistema dixestivo dos peixes (centrándose no rodaballo e na robaliza) e o último avaliará o impacto de certos elementos presentes no medio na supervivencia e crecemento da ameixa xaponesa.
Esta segunda liña de achegas está dirixida ás empresas acuícolas ou organizacións destas situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima que teñan as súas instalacións en Galicia, entre elas as relacionadas co sector do mexillón, e que fomenten unha actividade sustentable a través de proxectos de innovación desenvolvidos en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola comunidade autónoma de Galicia.
Con estes apoios o Executivo galego pretende apoiar proxectos que desenvolvan coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas, que reduzan o impacto no medio ambiente e que impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura, melloren o benestar das especies ou faciliten novos métodos de produción sustentable, entre outros aspectos. Tamén busca impulsar as iniciativas que promovan a introdución no mercado de novas especies, produtos e procesos ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados e o estudo da viabilidade técnica ou económica de produtos ou procesos innovadores.























Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.



