Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022. A portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas denunciou, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o atraso de facturas da luz, de até oito meses, e exixiu á Xunta, “negociar coas empresas eléctricas para fraccionar os pagos así como incoar expedientes sancionadores polo retraso na remisión das facturas”.
Na súa intervención, a nacionalista afirmou que “a factura da luz é, con diferenza, unha das principais preocupacións dos galegos e galegas” e onte mesmo, o prezo disparouse un 34,4%, case 90 euros máis que o día anterior e o terceiro máximo histórico con 341,52 euros /MWh.
Ao prezo da luz, dixo, hai que engadir o incremento do prezo do gas pola guerra en Ucraína, con 200€/MWh e o petróleo por riba dos 110 dólares por barril. Resulta obvio, engadiu, que hoxe é máis caro encher a cesta do súper para comer, encher o depósito do coche para ir a traballar e prender a electricidade.
Esta circunstancia, aseverou “pon en risco a recuperación económica a nivel global pero tamén a vida dos fogares”. Neste sentido, aludiu ao informe sobre o “estado da pobreza en Galicia 2020” con 694.367 persoas, 25,7% da poboación galega, en risco de pobreza ou exclusión social (AROPE), 38.389 persoas máis que o ano anterior e aumenta a privación material severa. Neste contesto de crise económica e cobiza das eléctricas, o “Partido popular non impide os abusos e mesmo favorece os seus intereses”, reprobou.
O mercado manipula os prezos e aproveitando a confusión dos tramos horarios impostos polo goberno central, ofrecen “ofertas dubidosas”. Ademais, nos últimos meses constatamos un novo problema: “desde o mes de setembro episodios recorrentes de atraso nas facturas, algo que neste contexto dificulta moito a xestión económica familiar e das PEMES”. A responsabilidade das demoras continuadas na emisión das facturas “é das empresas de distribución, ENDESA, NATURGY, IBERDROLA…”
Este proceder, recalcou a deputada do BNG, produce un efecto de “desamparo e pánico na cidadanía”, pois nun contexto de suba do prezo e de frío invernal non son quen de saber canto pagarán e se poderán asumir os prezos, o cal ocasiona unha grande incerteza e atenta contra a planificación dos fogares, que non poden permitirse extras.
Por outra banda, denunciou que Naturgy, con boa parte do seu servizo de atención ao cliente en Galiza, tras a deslocalización, tivo o servizo de atención ao cliente “caído” durante máis de dez días.
“Segundo as propias comercializadoras, que atribúen á distribución o problema, habería un 16% de clientes afectados a nivel de Estado. Non está habendo unha política clara de información, nin por parte das eléctricas nin por parte dos gobernos responsables en planificación enerxética ou en consumo e protección das persoas usuarias explicou Presas, e hai clientes, que levan “ até 8 meses sen recibir as facturas”.
A maiores, a denuncia presentada á CNMC por parte de varias compañías (Asociación de Comercializadores Independientes de Energía (ACIE) ), sinalan non só atrasos senón “erros nas lecturas”, creando aínda máis “desamparo” ás persoas consumidoras” e lembrou que “Endesa aínda conta con 120.000 facturas da luz do ano 2021, sen remitir”.
Ante esta situación preguntou que fixo ou vai facer a Xunta. Iniciará expedientes sancionadores pola demora na remisión de facturas? Está a Xunta disposta a negociar coas distribuidoras a fragmentación e aprazamento de facturas que cheguen de maneira acumulada? Valora a Xunta impulsar algunha demanda colectiva? ou ben, impulsará algunha campaña de información dirixida ás persoas consumidoras para que coñezan os seus dereitos e denuncien os abusos?
Tras a intervención do Director Xeral de Consumo, Manuel Heredia Pérez, a deputada cualificou de “pasiva” a actitude do organismo por cinguirse a actuar exclusivamente despois de seren presentada a denuncia polo que volveu a propoñer “a aceleración dos trámites” para incoar expedientes e responsabilizar as distribuidoras polo prexuízo creado ás persoas consumidoras
Ademais exixiu á Xunta unha “actitude proactiva” para negociar coas eléctricas o “fraccionamento dos meses de atraso” porque o “colchón habilitado polo Estado non é suficiente” para asumir o pago, aseverou.
A parlamentaria insistiu na necesidade de realizar estudos co fin de investigar erros nas lecturas das facturas e que o Instituto de Consumo exerza as súas competencias no ámbito da fiscalización sobre o tratamento a persoas consumidoras.



















O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



