Chámome Iria Cotelo, e son Auxiliar de enfermería, Delegada da CIG, e Responsable Local do BNG de Viveiro. Levo 12 anos traballando no centro de día de Aspanane, atendendo a persoas con discapacidade intelectual cun alto grado de dependencia.
O meu día a día en Aspanane consiste en realizar varias tarefas simultáneas: mentres tento dar unha atención individualizada, pois cada persoa ten unhas necesidades diferentes, teño que programar e impartir actividades, ir ao WC con quen o necesite, cambiar cueiros, dar de comer, intervir en conflitos, redirixir a atención de quen pode agredirse a si mesma ou a terceiras… sen esquecer os 60 informes que teño na mesa do ordenador dende hai 2 meses, sobre os que vou traballando como podo.
Son coidadora multitarefa, e saio polo módico prezo de 990€ dun salario base “negociado” en Madrid. Todo grazas ás reformas laborais do Estado con dereitos perdidos dende o 2012; e á Xunta que non baixa a ratio, nin crea centros especializados, nin esixe figuras como T. Ocupacional, E. Social, logopeda ou enfermeira, porque as coidadoras xa facemos de todo: do que sabemos, e do que non.
A Política “Social” do PP permite que estos centros sexan privados e sen concerto social, subsistindo a base de contratos anuais coa Xunta cunha perda anual do 15% do IPC e nos módulos-praza, dende que se asinou o convenio co bipartito. Tampouco ve necesario un convenio galego para mellorar as condicións das traballadoras, nin vota a favor das peticións populares por un Servizo Público de Atención ás Persoas.
A falta de recursos materiais e humanos repercute na atención ás persoas, pero iso non parece interesarlle á Xunta, nin tampouco ao goberno de Viveiro: “Viveiro acollerá a única residencia da comarca para persoas con discapacidade intelectual”, dicía a alcaldesa dous meses antes das eleccións municipais do 2019, sen ter nada asinado e rodeando co brazo a unha usuaria para a foto, mentres as familias de Aspanane celebraban a nova con ilusión e crendo o que lles contaban, eu observaba a situación estremecida.
Cinco anos de enganos. Con anuncios dunha residencia da que non existen nin os cimentos, e que non veremos en anos. Sen que a día de hoxe Loureiro tivera unha soa reunión coa voceira do BNG. Tamén o goberno de Viveiro, que sempre se chama “sensibilizado” votou en contra da moción do BNG para crear un Plan de Accesibilidade. En contra porque é caro, e porque non lle gustou o noso argumento de que as accións que se levan feito quedan en pouco ou nada.
Ao primeiro direi que para afirmar que é caro, é importante facelo con presupostos na man, que non tiñan. Tamén outros proxectos son caros e fanse, pero este non. O que se vén chamando de toda a vida, unha cuestión de vontade política.
Ao segundo, direi que está moi ben calquera acción para visibilizar ao colectivo, aceptar a doazón de mochilas vibratorias, facer unha avaliación da accesibilidade cognitiva no edificio do concello, ou as colaboracións puntuais con Aspanane. Pero iso non resolve as necesidades do día a día: unha persoa en cadeira de rodas non pode entrar no Concello sen axuda. Xa dentro, unha persoa con audífono precisa de bucle magnético no mostrador cando vai realizar un trámite. Ou vanlle proporcionar a mochila para iso? Sen falar dos obstáculos que teñen que sortear xs usuarixs de Aspanane cando pasean polos arredores.
É preciso un proxecto a longo prazo, por fases, para eliminar as barreiras que atopan as 16 mil veciñas e veciños que viven no noso concello durante todo o ano. Pois o PSOE, en contra. En contra dos dereitos e da inclusión das persoas. En contra porque, como xa manifestou Loureiro en varias ocasións, non lle gusta a forma de facer política do BNG de Viveiro. Coido que a planificación é o que non lle gusta, xa que rexeitou todas as propostas nacionalistas que incluíron a palabra “Plan”.
Estou esgotada, que non resignada, das políticas do PP-PSOE. As persoas con discapacidade intelectual, as familias e as profesionais non precisamos de actos e de titulares do Concello e da Xunta facendo campaña en vez de gobernar. Demandamos respecto e dignidade concretados en recursos materiais e humanos. O resto é todo fume que non resolve nada.
Teño moitísimo que aprender, pero se de algo sei e entendo é de atender e coidar ás persoas. Dende o BNG seguiremos traballando cunha política centrada nas persoas polo cambio, por protexer vidas, e por construír futuro.

















O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



