Ribadeo, 2 de xaneiro de 2023. A cuarta campaña das Panchas, que rematou o pasado 31 de decembro, xerou en Ribadeo 3.822 operacións de compra. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, fai un balance positivo.
O edil ribadense contou que “en circulación puxéronse 200.000 panchas, que se esgotaron o pasado 20 de decembro e que se mantiveron en vigor ata o día de fin de ano; destinamos a esta campaña 50.000 euros de diñeiro público para subvención máis 35.000 euros para gastos derivados da operativa, xestión e promoción”.
Vizoso Galdo subliñou que “a cifra de negocio xerado foi de 232.000 euros de forma directa, pero indirectamente o volume foi moi superior. Trátase dunha inxección económica moi importante para os máis de 100 negocios locais adheridos a esta campaña nos últimos meses do ano. Ademais da imaxe tan positiva que isto supón para o sector servizos de Ribadeo”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “os datos que nos deixa a cuarta edición da nosa moeda local é que 936 persoas mercaron panchas coas que realizaron 3.822 operacións de compra. Consideramos que son datos moi positivos. É unha campaña moi singular e tamén unha iniciativa moi efectiva. Dende o Concello seguiremos traballando e colaborando co tecido comercial e empresarial de Ribadeo para seguir sendo referencia dun comercio de calidade e de proximidade que axuda a que a nosa vila resulte cada día máis dinámica e interesante”.
Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, agradece “a organización desta nova campaña das campañas, pola dinamización que supón para os negocios locais participantes. Estamos satisfeitos de ter podido colaborar prestando asesoramento a aquelas persoas (comerciantes e clientes) que precisaron achegarse á nosa oficina para clarexar dúbidas, ao igual que tamén se fixo desde a Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo”.