O Presidente asinou un convenio coa Alcaldesa para dar unha maior proxección a este referente nacional do indie, que se celebrará do 28 ao 30 de abril
Lugo, 16 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos un novo convenio de colaboración a través do cal a institución provincial practicamente triplica o seu apoio económico á décimo sexta edición do Festival Independiente de Vilalba (FIV), que convertirá a localidade chairega do 28 ao 30 de abril na capital nacional do indie rock.
O mandatario provincial explicou que este acordo co que a institución achega 50.000€ ao Concello de Vilalba permitirá dar “unha maior proxección a este evento musical, que durante os tres días de celebración da cita recibirá a milleiros de visitantes”, o que supoñerá “unha importante inxección económica para a localidade, que repercutirá en sectores como o comercio e a hostelería, ademais de xerar emprego e ser un gran impulso na promoción turística no conxunto da comarca da Terra Chá, e de toda a provincia”, subliñou José Tomé.
Pola súa banda, Elba Veleiro agradeceu ao Presidente o seu compromiso un ano máis co que é xa un dos eventos máis importantes para Vilalba, xunto á Feira do Capón ou a Festa do Queixo San Simón da Costa. Por iso, nesta ocasión, engadiu a Acaldesa, “queremos ir máis aló, dar un paso máis na dimensión deste formato, co que contaremos cun aforo para 5.000 persoas e unha das programacións máis completas ata a data, con actividadades que inclúen propostas para toda a familia”.
Tres días co mellor da música indie
O FIV de Vilalba 2023 abrirá a tempada do calendario festivaleiro na provincia cun cartel de luxo. Reunirá os días 28, 29 e 30 de abril a bandas e artistas do panorama indie nacional e galego como Lori Meyers, La Casa Azul, Sidonie, Sidecars, Delaporte, Carlangas, Mora, Hickeys, la Banda de Música de Vilalba, Los Mainches, Berta Franklin, e as sesións dos djs Akkan, Ochoymedio Djs, Jus Kno’. Ademais, o programa musical inclúe como proposta infantil a Gramola Gominola, que presentará no festival vilalbés os seus últimos temas e novos discos.
Aínda se poden mercar os abonos do terceiro tramo á venda na web https://fivdevilalba.com, a un prezo de 38 euros, tras esgotarse os dous primeiros en decembro. Nas vindeiras semanas darase a coñecer toda a información sobre a zona de acampada habilitada e o transporte desde outros puntos de Galicia.



















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.



