Ribadeo, 23 de marzo, 2023. Unha vez máis, o goberno do señor Rueda (antes do señor Feijóo) volve tropezar coa mesma pedra. Unha vez máis, o goberno da Xunta de Galicia, sustentado entre outros polo voto do señor Daniel Vega Pérez, voceiro do grupo municipal do PP na corporación de Ribadeo, négase a atender as demandas do Concello de Ribadeo, de todo o pobo de Ribadeo, e volve poñer atrancos na atención ás persoas maiores. Antes foi cando a construción da Residencia de Maiores. Agora é a conto da reforma integral do Hospital Asilo. E o señor Daniel Vega Pérez, voceiro do grupo municipal popular no Concello de Ribadeo (ou do goberno do señor Rueda?), toma unha vez máis partido polo seu partido na Xunta, e non polo conxunto da veciñanza ribadense. E para iso, volve sacar as súas teimas preferidas á hora de facer fronte a este tema.
De novo volve facer gala dunha aparente, e fatua, actitude de home de goberno como se fora el quen fai, e como se o goberno municipal de Ribadeo contemplara pasivamente como se desenvolven os feitos. Pois non. O goberno municipal, sustentado polo BNG de Ribadeo, foi quen loitou, día si e día tamén, para facer realidade a reforma integral do Hospital Asilo. Ao señor Daniel Vega Pérez parécelle que con adiantarse a dicir que hai que facer cousas é como se xa se puidera apropiar do feito de que as cousas se fagan. Pero claro: non é o mesmo anticiparse pedindo que se limpe unha beirarrúa, que pedir unha comisión para estudar que facer coa reforma do Hospital Asilo.
Cando un está na oposición, porque así o quixo o electorado, non che dá para quereres dirixir unha comisión para redactar o proxecto de reforma da residencia. Tes todo o dereito do mundo a opinar sobre dita reforma e mesmo a ofrecer unha alternativa incluso diametralmente oposta. Pero non te capacita para denunciar que, como non se fai como ti pensas, pois non hai transparencia. Non, señor Vega: vostede non ten o patrimonio da verdade. E este goberno ten o aval dos feitos, do traballo levado a cabo e que cristalizou, nesta semana anterior, na publicitación da reforma do Hospital Asilo no perfil do contratante, para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. Velaquí feitos, e non escusas de mal pagador. De mal pagador… e firme defensor de intereses alleos a Ribadeo.
Volver insistir na esixencia de explicacións pola herdanza do Doutor Moreda cansa, raia no ridículo. Tal e como o señor Feijóo sae sempre a defender os intereses da gran banca, da “xente de ben” (non lle di así o señor Feijóo?!), semella que o señor Daniel Vega quixese defender intereses de parte que se viron claramente contrariados pola sentenza que deu a razón ao Concello de Ribadeo na actitude adoptada polo goberno municipal á hora de xestionar o tema de dita herdanza. Pero o señor Vega, a piñón fixo, segue ao seu.
Como tamén segue ao seu defendendo a actitude do goberno do señor Rueda á hora de facer fronte ao necesario traslado dos usuarios do Hospital Asilo namentres se leva a cabo a súa reforma. Todas e todos nós puidemos ver na prensa, e mesmo nas redes sociais, a reacción inicial da Xunta: é cousa do Concello solucionar ese problema, pois a residencia é municipal. Insistir agora en que non había motivo para convocar un pleno extraordinario para abordar o tema, pois, segundo o PP de Ribadeo, un goberno serio non pode reaccionar a golpe de “artigo de opinión” (?), é non ter xa nada que dicir.
Ante as noticias que saíron na prensa referidas ao tema, o goberno municipal, sustentado polo BNG de Ribadeo, reacciona e move ficha: convoca un pleno extraordinario para abordar a cuestión. Posteriormente, o goberno da Xunta, sustentando entre outros polo voto do señor Vega, reacciona e di que si, que agora si procede falar do tema do traslado dos usuarios do Hospital Asilo. A través dun correo electrónico póñense en contacto con técnicos do Concello de Ribadeo e indican que desexan facer unha reunión, entre técnicos, para abordar o tema. Esas non son maneiras, señor Vega. A relación entre institucións soberanas segue outras vías. Por suposto que os técnicos van ter moitas achegas que facer nesas reunións; pero son os responsábeis políticos quen as organizan e dirixen. E a solicitude das mesmas faise aos responsábeis políticos e institucionais, por moito que as xestionen os técnicos.
Señor Daniel Vega, toda a veciñanza de Ribadeo puido escoitar as súas intervencións no pleno extraordinario deste venres 17 de marzo de 2023. Francamente, xa tiñamos a sensación de que estaba máis pendente do goberno do señor Rueda que dos intereses de todo o pobo de Ribadeo. Pero despois deste pleno confirmouse aínda máis. Volver sacar vellas teimas para disimular a actitude amarrada do goberno da Xunta, sempre apoiada por vostede, mostra cales son as súas cartas. Alá vostede coas súas apostas.
Desde o BNG de Ribadeo, a través da acción do goberno que sustenta, seguiremos a achegar feitos e resultados. Xa o puido comprobar toda a veciñanza a través do Parladoiro. Neste tema, xa o puido comprobar ao ver que se publicaba no perfil do contratante do Concello de Ribadeo a reforma do Hospital Asilo. Xa se sabe: traballo feito non mete ansia. Ben: a algúns semella que si, que ben que corren para lle lavar a cara ao señor Rueda.




















Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



