O mandatario provincial puxo en valor a iniciativa do rexedor, que “aproveita as infraestruturas existentes e a riqueza natural da Ribeira para crear actividade económica e emprego no municipio e na zona, contribuíndo así a fixar poboación, que a xente non teña que marchar para atopar unha oportunidade laboral e facer o seu proxecto de vida”
Lugo, 2 de abril de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, coñeceu este domingo o traballo da Fundación TerrEO para poñer en marcha a piscifactoría de Ribeira de Piquín, situada en Santalla. José Tomé, xunto ao Alcalde do municipio e presidente da entidade, Roberto Fernández Rico, percorreu as instalacións, que pronto comezarán a producir troita, e coas que colabora a institución provincial.
Este apoio materializouse nun convenio de colaboración firmado recentemente por Tomé Roca e Fernández Rico, a través do que a Deputación aporta 90.000€ e a Fundación TerrEO preto de 22.000€. En total, 109.258,06 euros, que serven para a contratación de persoal encargado para os coidados e o mantemento da instalación, a dotación dun filtro saca-follas necesario para o correcto funcionamento dos tanques, a adquisición de huevas e a alimentación durante un ano.
O Presidente da Deputación de Lugo puxo en valor a iniciativa do Alcalde, tamén Deputado provincial de Recursos Sostibles, para impulsar este proxecto, que permitirá recuperar o funcionamento da piscifactoría de Santalla, “aproveitando así as infraestruturas existentes e a riqueza natural da Ribeira para xerar actividade económica e crear emprego no municipio e na zona, contribuíndo desta forma a fixar poboación, que a xente non teña que marchar fóra para atopar unha oportunidade laboral e facer o seu proxecto de vida”.
O mandatario provincial incidiu en que este proxecto demostra “o que sempre defendemos na Deputación de Lugo, que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de recursos e de potencial. Fan falta as políticas públicas e o apoio axeitado e suficiente para aproveitalas e que dean os seus froitos, como estamos facendo dende a institución provincial, con esta e con moitas outras iniciativas, cos recursos dos que dispoñemos”.
O funcionamento da piscifactoría de Santalla dará emprego a catro persoas e estímase unha produción dunhas 40 toneladas de troitas.
As instalacións pecharon no ano 2013 tras os importantes danos provocados pola cicloxénese explosiva Gong e, grazas á iniciativa do Alcalde a través da fundación TerrEO e coa colaboración da Deputación de Lugo, volverán a funcionar e contribuír á dinamización económica e social do municipio e tamén da súa contorna.
Tres proxectos para crear emprego e ser o espello de novas iniciativas
TerrEO, tal e como explica o Alcalde de Ribeira de Piquín, é unha fundación de iniciativa unicamente municipal, que nos dous últimos anos xa puxo en marcha tres importantes proxectos: a piscifactoría de Santalla, impulsando así a actividade acuícola; o polígono agroecolóxico de Monte Furado, no que xa se fixo unha plantación de dúas hectáreas de kiwi; e Forescelta, para a produción cárnica de Porco Celta, da que xa saíron os primeiros cincuenta animais para súa venda.
A finalidade destes proxectos e da actividade de TerrEO é “crear emprego directo porque é a mellor política social. Queremos ser o primeiro concello de Galicia con paro cero”, e, ao mesmo tempo, “visibilizar as alternativas de futuro que hai para o rural e ser un espello para posibles iniciativas que se queiran implantar similares aproveitando os recursos que temos no noso concello”, subliñou Roberto Fernández Rico.





















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.